Souto de Leixa: privatización ao pé da casa

En moitas ocasións temos escoitado e reproducido o discurso das organizacións políticas, sindicais e sociais de esquerda en relación á vontade privatizadora dos servizos públicos por parte dos gobernos da dereita. Este discurso, enmarcou desde sempre esta ansia privatizadora, na necesidade do capital financeiro de expandir a súa actividade a aqueles ámbitos da vida que teñen recoñecida a cualificación, na nosa sociedade, de dereitos básicos, como son a saúde e a educación.

Nos últimos anos, con reivindicación e moito esforzo, o dereito á asistencia para todas aquelas persoas que presentan diversidade funcional, ou dependencia, comezou a estar recoñecido, aínda que sen chegar aos niveis que acadaron o dereito á saúde e á educación. Aínda que os servizos criados para atender estas necesidades non chegaron a ser nunca universais, si cubrian as necesidades básicas e teñen convertido aos servizos públicos dos que disfrutamos, nun referente mundial, un modelo a seguir e conquistar por moitos outros países dos distintos continentes.

Este discurso que alertou sempre do perigo das privatizacións, foi moitos veces asimilado mais como un referente a ter en conta, que como unha realidade. As privatizacións, entre outras, da construción e xestión de futuros hospitais e centros de saúde por parte da actual Consellaría de Sanidade, mobilizou miles de persoas e anunciaba un novo tempo onde a protección dos servizos públicos quedaba desconectada. Mais é agora, cos plans de privatización, por vía de urxencia, do centro “Souto de Leixa”,que vemos ao pé da casa que o tsunami privatizador está a piques de varrer todo o noso sistema de protección social.

Ler máis

Dous artigos sobre o Decreto do Carbón en Galicia

Marcha Moura

O Decreto do Carbón visualiza as contradicións das forzas sociais galegas. Quizais, as que máis as da Xunta de Galicia. O PP galego, que con Núñez Feijóo fixo renuncia a gobernar este país – asumindo un discurso victimista e de autonegación, cunha práctica clientelista – escúdase nos intereses do Partido Socialista nas Autonomías beneficiadas, esquecendo que algunhas delas están gobernadas polos propios conservadores.

Ler artigo completo no Diario de Ferrol

O Feijóo, “Mouro”

O Camiño Mouro contra o Decreto do Carbón visualiza as nosas contradicións, incluídas as da Xunta de Galicia. O PP galego escúdase nos intereses do PSOE nas Autonomías beneficiadas, esquecendo que algunhas delas están gobernadas polos propios conservadores. O Presidente popular de Castela – León gañoulle así a partida a Núñez Feijóo; o PP estatal encabezado polo galego Mariano Rajoy non está en contra do Decreto do Carbón. A moción do BNG aprobada no Parlamento galego e as esixencias do socialista Pachi Vázquez ao Ministro de Industria, marcan as liñas a seguir.

As contradicións que se evidencian na defensa das reivindicacións dos traballadores das Pontes e Meirama, deberan ser un incentivo para o Presidente Feijóo. Debe sumar ao conxunto das forza sociais galegas, ser igual de esixente co seu propio partido no Parlamento español e poñerse á fronte do país.

Ler artigo completo no Galicia Hoxe

Negocio Sanitario

Non teño dúbida de que a información publicada por este xornal sobre o aumento do gasto sanitario en Galicia é certo. Ademais, a fonte era o propio Ministerio e non a Xunta de Galicia. O que pasa é que desde que manda o Presidente Feijóo volveron a priorizar a sanidade privada. Aí está a proposta de facer novos hospitais con capital privado, a cambio de moitos anos de concesións privadas en contra dos nosos dereitos e servizos sanitarios públicos.

O dereito á saúde é un dereito constitucional, ademais, desenvolvido na Lei Xeral de Sanidade. E isto implica o carácter estratéxico e principal da sanidade pública, e non ó revés. Cómpre a utilización e implementación de todos os recursos públicos en Ferrolterra; ou dito doutro xeito, o que queira sanidade privada que a pague do seu peto.

Resulta rechamante que o PP galego pretenda a privatización da sanidade pública, seguindo o fracaso de Esperanza Aguirre e Francisco Camps, cando ademais Obama intenta pór orde nos EEUU, modelo neoliberal que fai auga por todos os lados, xa que aquí o principal era o negocio privado a costa da vida das persoas.

Convocados estamos pola Plataforma de Defensa da Sanidade Pública este domingo na Praza de España. A sanidade pública é unha das bases materiais da nosa democracia, cohesión social e constitucional.

Núñez Feijóo, tocado!

Hoxe é un mal día para o Presidente da Xunta de Galicia. A pesar de ser un día laborable, a pesar da presión mediática da dereita española, onte as rúas de Compostela estiveron ateigadas de xentes vida de todo o País, de todas as cores. Feijóo sabe que ten que rectificar co galego; reincidir no ataque ao País supón cuestionar a súa capacidade para dirixir o Goberno galego. Non hai Galicia sen galego. Non hai Goberno que resista contra o galego.

Claro que iso obrígalle a enfrontarse cos sectores máis carcas do PP español, con aqueles sectores que apoiándose nun mundo mediático de dereitas queren impor como única lingua oficial o castelán. A pretensión de inmersión lingüística en castelán, e a prohibición de facto das demais linguas españolas, queda fóra da Constitución e dos Estatutos de Autonomías das Nacionalidades Históricas; ademais, non deixa de ser un xeito de amosar o carácter separatista da dereita. Herdeiros históricos e histéricos de aqueles que expulsaron da unidade peninsular aos portugueses, agora parecen que non van parar até botarnos a galegos, vascos e cataláns.

España é a suma de todos os seus pobos e dos seus cidadáns, incluídas as persoas que veñen de fóra das nosas fronteiras, sexan estas europeas ou de alén. España é a suma das súas culturas e linguas.

Fuco Buxán estivo en Compostela, como parte desa babel de cores socio – culturais, políticas, sindicais, etc. Para pedirlle ao Presidente Feijóo que rectifique e volva ao campo democrático e de defensa desta cultura, deste País. De seguir facendo oídos xordos a sociedade galega terá dereito a abrir unha nova etapa política. Un Presidente que non exerce de galego debe dimitir e convocar eleccións para que os cidadáns teñan a oportunidade de reconducir a situación e pór ao fronte do País a quen si crea nel.

(Diario de Ferrol, 2 febreiro 2010)

Feijóo esquece Galicia

Acaba de celebrarse a Conferencia dos Presidentes autonómicos co Presidente Zapatero. A cuestión central estaba en como enfrontarse á crise económica, que ademais contou coa presenza dos axentes sociais. Vaia por diante que basicamente estou de acordo co plantexamento de Geluco Guerreiro; hai unha evidente falta de cultura política sobre o que representa a España das Autonomías, e o papel que deben desenvolver os seus Presidentes fronte aos seus partidos.

Dicía Miguel Barros – son consciente que como militante socialista cometo un anatema ao citalo – que cunha aparente descentralización cuasi federal, os partidos estatais o suplían cun reforzamento interno do seu centralismo, que confundían o papel dos Presidentes autonómicos con meros delegados dos seus partidos. O chamado modelo soviético.

Pero, é ben certo que o Presidente de Galicia, Sr. Núñez Feijóo errou no papel que desempeñou nesta Conferencia. Levado por esa disciplina interna do PP, esqueceu que como Presidente galego non pode supeditar os intereses xerais da Comunidade aos do Sr. Rajoy, que nin estaba convocado a esta cita, nin se lle esperaba. Tamén, comete un segundo erro; coa súa sobre – interpretación dá a sensación que vese como un Presidente galego momentáneo á espera de dar o salto á política española; en espera de suplir ó propio Rajoy?

En todo caso, tamén é necesario analizar as dúas propostas que fixo o PP español, e que foron rexeitadas: a baixada de impostos e a redución das cotizacións patronais á Seguridade Social. Iso si, disfrazadas dun suposto apoio á pequena e media empresa; saben do impopular de defender abertamente á CEOE e aos grandes grupos financeiros.

Seguir lendo