Bildu

José Bono acaba de impedir que formacións democráticas como EA e Alternatiba, invitadas por ERC e IC, puideran dar unha roda de prensa no Congreso dos Deputados. Así, tamén o ex Conseller de Francisco Camps, Esteban González Pons, acaba de pronunciarse co propósito evidente de condicionar ao Tribunal Constitucional, sobre a legalidade das listas de Bildu para ás eleccións municipais do 22 de maio.

O PP está a conseguir que a súa estratexia oportunista en materia antiterrorista – deslealdade co goberno Zapatero, descualificación de todo aquel que non acepte a súa doutrina ou as burdas manipulacións das vítimas do terrorismo – vaia camiño de provocar unha involución nos dereitos fundamentais de opinión e de representación política.

Ler máis no Galicia Hoxe.

Outro Suresnes

Zapatero volve a deixar fóra de xogo á dereita. A estratexia desta última de converter as municipais e autonómicas do 22 de maio, nun plebiscito contra o primeiro agora resulta ridícula. Este xa ten data para se marchar, e os insultos e malas formas dos dirixentes do PP evidencian que foron sobrepasados polo Presidente. Agora, deberán reconsiderar toda a súa folla de ruta, sobre todo porque se por algo se diferencian da dereita centro europea é por non querer asumir riscos; especialmente, cando todos sabemos que non teñen políticas substancialmente diferentes das marcadas pola Sra. Merkel…

Ver artigo completo en Galicia Hoxe.

Saquear Libia

Si, o Coronel Gadafi debe ser levado ante o Tribunal Penal Internacional, pero non menos que aqueles que andan a preparar a intervención militar en Libia; que basicamente son os mesmos que decidiron a ocupación de Iraq e Afganistán. Todos eles con intereses cruzados coas grandes multinacionais enerxéticas. As mesmas que ata hai pouco saudaban á presenza do goberno libio nos seus consellos de administracións, incluídas as españolas.

Aínda non está claro que pasa dentro de Libia, pero o que xa se sabe é que a chamada oposición son unha parte da propia estrutura do réxime actual que acaba de pactar cos EEUU e as antigas potencias coloniais na zona: o Reino Unido e Francia. A diferencia de Túnez e Exipto, aquí non hai grandes masas cidadás fronte á ditadura.

Ler artigo completo en Galicia Hoxe.

 

Lidia Senra

Fuco Buxán acaba de presentar o libro editado por Laiovento, que Tareixa Ledo ten sobre a emblemática figura de Lidia Senra; que ademais reflicte a historia e intrahistoria do Sindicato Labrego Galego, de como construír unha organización de novo tipo, que ademais participa nun xeito de facer país dende unha postura anti–neoliberal e que racha cos estereotipos que hai do noso agro, incardinado no empoderamento das súas mulleres.

A cercanía a estas dúas mulleres, permite testemuñar de primeira man que a imaxe mítica de Senra, está de acordo coa realidade e no reflectido neste libro. Un liderado democrático, integrador, que comparte ideas, proxectos, poder e capacidade de codecisión fronte aos hiperliderados excluíntes.

Hai tamén no discurso de Senra e do SLG unha aposta transversal, que busca a nosa complicidade en temas tan dispares como a loita feminista, a solidariedade cos pobos, a soberanía alimentaria ou a loita contra a privatización dos recursos naturais; como exemplo a pretensión da actual Xunta de Galicia de expropiarnos as nosas augas para converter este ben público estratéxico nunha simple mercadoría con prezo e exportable segundo os intereses dos especuladores. Algún día tamén pretenderán expropiarnos o aire que respiramos.

En todo caso, o futuro dunha nova esquerda e de como seguir a construír país, depende moito da capacidade de criar liderados entrañables como o reflectido pola ex secretaria xeral do SLG.

Enlace a Diario de Ferrol

Enlace a Galicia Hoxe

Converxencia Cidadá

A falta de respostas e de capacidade de provocar cambios, que padece o conxunto da esquerda, tanto política como sindical, deixa aos cidadáns, tanto á clase traballadora como á media, practicamente indefensos ante os ataques dos neoliberais aos dereitos sociais e ao propio sistema democrático.

Nin a reforma laboral, nin as das pensións parécelles suficientes a aqueles que produciron esta crise, e que agora pretenden afundir máis o nivel de vida das persoas, para así seguir facendo lucrativos negocios. Tamén é evidente que aqueles que se empeñan en seguir as directrices da dereita, hexemónica na UE – que á fin só seguen as consignas dos bancos alemás e franceses, depositarios da maioría da débeda produto da especulación – están a desmobilizar a unha parte importante da súa sociedade, aínda que as situacións de retroceso social son cada vez máis extensas e evidentes.

Ler artigo completo en Galicia Hoxe.