Non teño dúbida de que a información publicada por este xornal sobre o aumento do gasto sanitario en Galicia é certo. Ademais, a fonte era o propio Ministerio e non a Xunta de Galicia. O que pasa é que desde que manda o Presidente Feijóo volveron a priorizar a sanidade privada. Aí está a proposta de facer novos hospitais con capital privado, a cambio de moitos anos de concesións privadas en contra dos nosos dereitos e servizos sanitarios públicos.
O dereito á saúde é un dereito constitucional, ademais, desenvolvido na Lei Xeral de Sanidade. E isto implica o carácter estratéxico e principal da sanidade pública, e non ó revés. Cómpre a utilización e implementación de todos os recursos públicos en Ferrolterra; ou dito doutro xeito, o que queira sanidade privada que a pague do seu peto.
Resulta rechamante que o PP galego pretenda a privatización da sanidade pública, seguindo o fracaso de Esperanza Aguirre e Francisco Camps, cando ademais Obama intenta pór orde nos EEUU, modelo neoliberal que fai auga por todos os lados, xa que aquí o principal era o negocio privado a costa da vida das persoas.
Convocados estamos pola Plataforma de Defensa da Sanidade Pública este domingo na Praza de España. A sanidade pública é unha das bases materiais da nosa democracia, cohesión social e constitucional.