Un conto de nadal

Houbo un tempo na que a cidade, aquela que estaba fronte o mar, tiña moreas de traballadores orgullosos de cambiar o mundo. Mais, eles deixaron de facer camiño ao andar, do gris presente ao futuro da irmandade da luz.

Pasaron os anos, chegaron elas con acentos caleños e novas xentes dunha terra oriental, a carón de outros que creceron na chaira extensa ou viñan de onde os ríos acaban nun mar de cobre labrado a golpes de maza. Chegaron as persoas de vellas linguas que falan da mai natureza e as da terra sen sombra.

Pero, tamén chegaron aqueles dos que fuxiron todos os que antes chegaran. Con moreas de cartos dos que ninguén sabía a súa procedencia. A cidade, a casa común, estaba en venda. Aqueles, como os centauros procreados nunha nube, afogaban a vida diaria. Chegou o nadal e até as súas luces negáronse a brillar. Así, todas as persoas tiñan que escoller, entre sucumbir novamente á escuridade ou coller a testemuña dos primeiros habitantes.

Como todo que ten un principio, foi ela. Naceu da mesma fonte dos dous ríos. Botou o pano que cubría a súa cabeza ao vento, este acabou na estrela que estaba na cima de unha árbore. Provocando un arco da vella que anegou toda a cidade con luces de cores. Ese foi o sinal. E este conto continuará…

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/conto-nadal-4647182

10 de Marzo

Nuns días, en Ferrol e a súa comarca estaremos celebrando o cincuenta aniversario de aquel outro 10 de marzo, que tanta dor e feridas deixou. Pero, a pesar desta singularidade e da petición feita por quen estiveron en primeira liña, fronte as balas da represión franquista, non veremos unhas mobilizacións unitarias. Para outros era moito máis importante marcar diferenzas de grupiño e facer unha lectura separada.

Agora que tanto falamos de memoria histórica, de contribuír coa verdade dos feitos ao reforzo da democracia e do estado de benestar, deberíamos facer contas e saber se ter permitido lecturas sectarias, para alimentar un discurso de aqueles que nin estiveron nin se lles esperaba, valeu a pena. E todo por iso de escapar de situacións incómodas por dicir que a verdade histórica foi a que foi. Agochar os problemas e permitir lecturas interesadas só serviron para confundir as cousas.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/10-marzo-3475510

Migracións e violencias

Cando estaba a escribir – onte – este “Letras de Cambio”, o Concello de Ferrol daba a alerta, a través das súas redes sociais, polos ventos rachados, pero ben podería darse pola situación de vulnerabilidade na que está unha parte – cada día máis importante – da nosa poboación, refírome a esas persoas latinoamericanas, do Caribe e outros lares. Lamentablemente, hai quen non recoñece que todas as persoas teñen os mesmos dereitos e merecen o mesmo respecto: que non hai cidadáns de segunda.

Así son demasiado frecuentes situacións de persoas migrantes que traballan sen contratos ou vítimas de abusos de todo tipo. Por iso, resultan de vital importancia xornadas como as de “Migracións e Violencias” (nesta edición centradas nas empregadas do fogar) da concellaría de Benestar da Corporación ferrolá e da Asociación Mobilidade Humana, e máis cando hai quen fomenta o odio para romper a convivencia democrática.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/migracions-violencias/20191219010047270862.html

A Memoria dos Pobos Indíxenas en Sargadelos Ferrol

maya-guatemalaA Asociación Cultural Fuco Buxán e a ONG Acsur – Las Segovias presentarán este xoves 12 de marzo, ás 20 horas, na Sala Sargadelos de Ferrol, a Exposición Dialogada: “Memoria histórica, ferramenta de resistencia dos Pobos Indíxenas: contra o esquecemento e a non repetición”.

Será presentada por Manuel Cendán, directivo de Fuco Buxán e falará José Roberto Morales, do Centro para a Acción Legal en Dereitos Humanos (CALDH) de Guatemala.

Este acto está dentro das Xornadas de Pobos Indíxenas que do 9 ao 13 de marzo de 2009, estase a celebrar nas cidades de A Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol. Conta ademais coa colaboración do Concello de Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e o Centro Internacional de Prensa.

Lembrade: xoves, 12 de marzo, ás 20 horas na Galería Sargadelos de Ferrol.

Ver tríptico