O mercado de Caranza

A xente do mercado de Caranza debe estar cansa de tanto esperar, de tantas palabras baleiras, de tantos anos. Pero, o certo é que a xerente de Urbanismo -nas recentes xornadas do Foro Ferrol Vivo- falaba de que xa estaban os pregos da licitación e que esta remodelación parcial ía para oito meses, de ser así van a estar moi apurados desde o actual grupo de goberno para poder inaugurar o novo mercado, se non queren coincidir coas novas eleccións municipais, datas prohibidas para eses faceres.

A esta primeira fase, terá que vir outra máis que, en verdade, converta a eses quince mil metros cadrados nun elemento central e aglutinador das actividades comerciais, de servizos, deportivas e socio-culturais que complemente Caranza, así recollido como tal no actual PXOM. Agora vai a reorganización interior dos postos do mercado e o seu equipamento adecuado ás novas necesidades, montacargas de servizo e a mellora do acceso peonil e un ascensor desde a avenida de Castelao… Unha boa nova.

Enlace a Letras de Cambio (Diario de Ferrol).

Mercados

Proposta socialista para a rehabilitación e novos usos do Mercado de Caranza, Ferrol.

Proposta socialista para a rehabilitación e novos usos do Mercado de Caranza, Ferrol.

O goberno municipal do PP vén de recoñecer que pretende ceder a xestión do Mercado de Caranza, é dicir, privatizar outro ben da cidadanía, pero a maiores que a remodelación e a garantía dos beneficios sexan a cargo das arcas municipais. Un choio: os beneficios para o peto empresarial, os custes para nós.

A menos de catro meses das eleccións municipais, cando non tiveron ningunha présa durante o presente mandato, non sería mellor que nos temas que condicionarán á vindeira corporación, se busque o consenso ou unha xestión política sen cargas para o futuro?

Seguen a pretender cortar todo tipo de actuación no futuro polas esquerdas ou, simplemente, estamos na idea duns patrimonios e dereitos dos ferroláns como negocios? É isto outra aplicación da reforma local do PP, para privatizar todos os servizos municipais, ao servizo dunha nova burbulla financeira?

Enlace web a Diario de Ferrol.