Empatía

No xornal de onte, miraba a foto da nova sala de espera da Casa Solidaria, a correspondente a unha unidade básica dos servizos sociais do Concello. Pode parecer un tema menor, incluso haberá quen a considere innecesaria ou cuestión irrelevante. Pero, esas pequenas cousas, como é habilitar un espazo cuns asentos e calefacción, son necesarias para tratar ás persoas como merecen. Máis, nun servizo onde vense as tripas de Ferrol.

Maioritariamente, as persoas que recorren aos nosos servizos sociais son xente que están en desamparo, incrementado o seu número pola crise económica e os recortes ideolóxicos da dereita, que sempre confunde dereitos e solidariedade con beneficencia. Nunha cidade envellecida e nun asunto necesitado sempre de aumentar o seu gasto en dignificar ás persoas e as súas vidas. Por iso non existe tal gasto, senón un verdadeiro investimento produtivo en mellorar a vida na nosa cidade.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/empatia/20200129201213273714.html

O autobús

Cada vez estou más convencido que pretender debater e rebater nas redes sociais é un erro. O que queda é o silencio dunha maioría – que non fan acto de presenza – e moito ruído. Como mostra os desencontros de dirixentes veciñais con concelleiros do anterior grupo de goberno a conta das novas rutas dos autobuses locais, coas fotografías das alegacións presentadas e un largo etcétera.

Pero o certo é que o actual Concello acaba de apuntarse o tanto ao subirse ao bus do diálogo, xestionando coa Xunta e a empresa de transporte os cambios e melloras que piden diversas asociacións de veciños, para achegar aos usuarios aos centros de estudio e traballo, así como aos diversos hospitais de Ferrol. Modificacións das liñas iniciais e ampliación de horarios que deixan claro que é posible a colaboración. O mellor é sempre sentarse a falar, recoñecer ao outro/a e buscar a suma dos esforzos na causa común.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/o-autobus/20200122215142273170.html

Mesa pola Industria

A dereita está botada ao monte e teñen pésima memoria. Foron Aznar e Rato quen privatizaron en 1997 as eléctricas e converteron Endesa nunha empresa privada. Quizais, cando acusan ao goberno socialista de “querer pechala”, realmente están a propoñer a súa renacionalización? Sería isto válido para Alcoa?

Tamén son responsables da Lei 6/1998 que “liberalizou” o chan, provocando a burbulla do ladrillo e a crise económica e bancaria do 2008 que “obriga” a Zapatero a modificar a Constitución. É Soria – a instancia de Feijóo – quen saca a orde IET 2013/2013 que modifica o sistema de interrumpibilidade, creando o actual caos nas industrias electrointensivas.

Sería axeitado un pouco de mesura por parte dos señores Tellado e Calvo e dos seus compañeiros do PP. Sería mellor que sumáranse á mesa proposta polo alcalde Ángel Mato, poñer propostas e solucións en común para Ferrol, As Pontes e esta comarca.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/mesa-pola-industria/20200115210903272604.html

A voltas coa felicidade

Escribía unha amiga que a felicidade é un estado mental. Hai tamén quen di que cando menos cousas materiais tes, mellor. Non crean que este é un desvarío de principios de ano, produto da enchente do Nadal. Vén a colación ante un feito evidente no verán, e agora coas festas destes días: en cada evento, en cada escusa – se mo permiten – hai moreas de persoas. Da igual que sexa un feito musical, Papá Noel ou os Reis. O certo é que hai xente polas rúas de Ferrol, como hai tempo que non víamos.

De certo que os hostaleiros están contentos con tanto tránsito cidadá, vese que hai un repunte neste sector. Non tanto no sector comercial porque quizais a xente é reaccia a gastar ao ter interiorizado a precariedade, produto da crise e da reforma laboral do PP, que agora – co novo goberno en España – debéranse poñer couto. E si, a investidura de antonte, tamén forma parte desa felicidade, cando menos, inmediata.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/voltas-coa-felicidade/20200108200522272103.html

A espera

Estes días son de espera por novas boas para as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Parece que, a pesar da tormenta perfecta que están a organizar os ultras e as súas comparsas do PP e Cs, haberá investidura de Pedro Sánchez.

Nestas terras pedimos que todos aqueles asuntos que foron adiados polas “políticas” da dereita por beneficiar á “súa base social”, logren chegar a bo porto. O novo goberno de España debera traernos as F110, unha oportunidade para As Pontes e unha tarifa eléctrica competitiva para a industria.

Fronte ás esperanzas está esa dereita radicalizada, que ameaza con usar a determinados tribunais cuxos xuíces xogan a facer política rancia, para paralizar a acción dun goberno lexítimo. Chegados a ese punto, as e os traballadores deberemos axudar a consolidar a Coalición Progresista e as esperanzas da cidadanía. Será necesaria unha folga xeral contra unha CEOE e unhas dereitas hiperventiladas?

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/a-espera/20200102002049271553.html