Turistas

É certo que aínda queda parte da temporada por diante, pero xa vemos como a presenza dos turistas comeza a amainar e a primeira impresión, vista desde fóra do sector, é que en Ferrol e na nosa comarca, as expectativas de gasto de moitos hostaleiros non se cumpriron. É certo que tivemos moita xente da capital do reino de España e do sur que, basicamente, buscaban tranquilidade e escapar das altas temperaturas, pero alén do aloxamento, “viñan cos cartos medidos”.

Precisamente agora, debera haber unha suma, por parte dos distintos concellos e administracións, para acordar un modelo de turismo de calidade fronte o do Mediterráneo e sería interesante saber datos oficiais desta campaña. É evidente que o futuro inmediato vai cambiar, incluso para a poboación local. Evitar disfuncións, subas especulativas dos alugamentos ou servizos municipais colapsados deberan formar parte dos asuntos a resolver a curto prazo.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3114260/turistas

Axuda no fogar

Se a política municipal ten sentido é precisamente para traballar pola cidadanía, e unha sociedade que mereza o nome como tal debe prestar especial atención aos máis vulnerables. Por iso resulta curioso que todo aquelo que ten que ver coa área de Benestar Social sexa sempre o “patito feo” e nunca se poña a súa labor en valor.

Estes días vense de aprobar o novo servizo de axuda no fogar. Un dos máis importantes contratos que vai redundar nun beneficio directo á cidadanía, pero tamén ás propias traballadoras (maioritariamente son mulleres) que estarán subrogadas e con mellores condicións que as actuais.

Este é un contrato que xustifica de seu un mandato municipal. E por moito que algúns pretendan minusvaloralo é un grande feito e unha realidade a súa transcendencia. É un xeito de facer cidade, porque – se algúns aínda non o saben – Ferrol é a súa cidadanía, sexan usuarios ou xente traballadora.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2891275/axuda-no-fogar

Empatía

No xornal de onte, miraba a foto da nova sala de espera da Casa Solidaria, a correspondente a unha unidade básica dos servizos sociais do Concello. Pode parecer un tema menor, incluso haberá quen a considere innecesaria ou cuestión irrelevante. Pero, esas pequenas cousas, como é habilitar un espazo cuns asentos e calefacción, son necesarias para tratar ás persoas como merecen. Máis, nun servizo onde vense as tripas de Ferrol.

Maioritariamente, as persoas que recorren aos nosos servizos sociais son xente que están en desamparo, incrementado o seu número pola crise económica e os recortes ideolóxicos da dereita, que sempre confunde dereitos e solidariedade con beneficencia. Nunha cidade envellecida e nun asunto necesitado sempre de aumentar o seu gasto en dignificar ás persoas e as súas vidas. Por iso non existe tal gasto, senón un verdadeiro investimento produtivo en mellorar a vida na nosa cidade.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/empatia/20200129201213273714.html