Os custes da electricidade

Onte, diante da Delegación do Goberno na Coruña, concentrábase o sector electrointensivo, que leva algúns anos con problemas estruturais, polo excesivo custe da electricidade, principal materia prima destas empresas.

Evidentemente, por moito que se espere que o recibo das tarifas – tanto para a industria como para os particulares – vaia a reducirse pola entrada masiva das novas enerxías renovables, o certo é que a xente non pode esperar a ver si iso vai ser así ou si o actual oligopolio eléctrico volverá ás andadas e farán o que queiran neste mercado refén que hoxe é España.

Hai empresas que xa adaptaron a súa produción aos custes eléctricos reducindo emprego. As “Alcoas”, e outras grandes industrias similares, necesitan un trato específico e que non dane os intereses do resto das empresas. En calquera caso, é necesario discutir que tamaño de sector público eléctrico queremos para este país.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/custes-da-electricidade/20200311215333276756.html

A causa das mulleres

Xosé Manuel Sarille foi profesor na FP de Barallobre, anos despois da reconversión naval. Para aqueles, que coincidimos con el naquel tempo, resultábanos un tipo peculiar. Sempre foi un heterodoxo e carecía do sectarismo militante de entón. Así que a ninguén estrañounos que fóra o artífice da asociación cultural máis grande de Galicia: a Mesa pola Normalización Lingüística, os seus libros ou toda esa xeira de artigos que foron e segue a publicar na prensa.

Agora vén de recoller nun libro artigos escritos ao longo de dous decenios. “A causa das mulleres”, que pretende ser unha contribución á abolición da prostitución. Pero, eses artigos teñen un valor engadido, vai trazando liñas desa nova masculinidade que ten que rachar co machismo e coa dominación do capital. Unha chamada aos homes para que tamén aceleren o paso. O vello mundo esmorece, e coma sempre a mazá mordida contén o coñecemento da liberdade.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/a-causa-das-mulleres/20200304200656276164.html

64.555.456,06

Non é ningunha fórmula matemática, nin tampouco é un número esotérico. É a suma do proxecto orzamentario, que da man da concelleira de Facenda Mayte Deus, xunto co resto do grupo socialista acaba de presentar o alcalde, Ángel Mato, ao conxunto da corporación municipal.

Diversas foron as primeiras respostas. O PP está no seu papel de oposición e alternativa, o BNG acerta coa súa suma inicial ao diálogo co actual goberno. Quizais, quen está un pouco fóra de xogo sexa Ferrol en Común, que pretende ser tratado como se fora parte do goberno e cando tras a investidura, quedaron á marxe do mesmo e nin sequera os seus votos – sumados aos do alcalde – dan para a maioría absoluta.

Ábrese a negociación. Séntense e cheguen a un acordo, Ferrol ben vale un pacto orzamentario. O propio Ángel Mato vén de dicir que era preferible un goberno en maioría. Hai unha oportunidade real para un acordo por Ferrol.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/64555-45606/20200226210317275637.html

Construíndo Narón

Este último sábado tiven ocasión de asistir á presentación, en sociedade, da asociación “Ágora Narón” no salón do Centro Social do Alto, cunhas xornadas que levaban como título xenérico “Construíndo Narón”, e que tiña como eixo dúas mesas.

Unha primeira de técnicos que versaron sobre o deseño actual de Narón e as súas peculiaridades sociolóxicas e a falta de humanización de moitos dos seus espazos públicos. Quizais o máis salientable, visto desde fóra, fuxindo de localismos estériles, sería a necesidade de abordar un planeamento urbanístico consensuado entre os concellos de Narón, Ferrol e Neda. Algo lóxico dada a traza urbana continua existente.

Na segunda tomaron a palabra directivos das asociacións veciñais da Gándara, Santa Icía e San Mateo. Non hai que esquecer que este vén sendo un dos concellos máis extensos da provincia coruñesa. Para acabar, parabéns a esta nova iniciativa cidadá.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/construindo-naron/20200219222026275053.html

Ferrol da Ilustración

O acordo entre o alcalde Ángel Mato e o conselleiro de Cultura da Xunta, para promover a candidatura da cidade a patrimonio mundial ante a Unesco, ten un gran valor de seu. Se ben queda moito por facer, comezando pola reformulación do órgano de xestión onde tamén hai que incluír a outros concellos, propietarios e, primeiramente, á Armada, o certo é que rompe cancelas e da idea de que si é posible crear unha cultura de acordos por Ferrol.

Hai dous anos houbo portadas coa sinatura, dos últimos cinco alcaldes da cidade, do documento “Ferrol da Ilustración, Patrimonio Mundial”. Aquel acto do Foro Ferrol Vivo foi presentado pola periodista Puri Rodríguez e pola – entón voceira do Foro – hoxe concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez, quen logrou poñer nos últimos anos na axenda ferrolá a candidatura. Si, hai moito por facer, moito que acordar. Pero, parabéns e adiante. Sumemos, por Ferrol.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/ferrol-da-ilustracion/20200212231517274628.html