Volta atrás

Permítanme dicirlles que con isto da pandemia estou saturado, procuro non ler máis que os titulares que a prensa vai sacando cada día e cústame moito pararme nese tipo de noticias. Pero, non deixo de ver a preocupación da xente, tanto no traballo como na rúa. E cada día que pasa moito máis irascible que o anterior. Agora estamos pagando as mensaxes confusas pola irresponsable oposición dos ultras e da dereita, a diferenza do que pasa en toda Europa occidental.

O novo estado de alarma con toque de queda nocturno non deixa de ser unha cesión á dereita por parte do goberno de España. Ata aquí temos chegado por querer consensuar con quen usa a pandemia para facer “política”. Incluso Feijóo usa os medios públicos galegos e afíns para atacar a Pedro Sánchez e agochar a súa inacción. Dentro de quince días terá a potestade de facer o que considere, pero algo dirá para non facer fronte ás súas responsabilidades.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/volta-atras/20201027203632290476.html

Unha Xunta sen Ferrol

No novo goberno de Feijóo non hai ferroláns. É dicir, José Manuel Rey non foi nomeado, desta vez, conselleiro. Haberá que esperar un tempo para saber si isto significa un cambio de liderado no PP ferrolán, e máis tras dous mandatos consecutivos sen tocar goberno municipal.

Tamén haberá que ver como vai influír o “Caso Kitchen” nas aspiracións do presidente galego a ocupar o asento de Casado no Congreso dos Deputados e, máis, como vai afectar isto ao actual grupo municipal da dereita, se van acabar este mandato como tal grupo ou baixo unhas novas siglas ou se van pagar eles a inacción da actual Xunta no ensino e na sanidade galegas.

De momento, confórmanse con afearlle ao alcalde Ángel Mato un suposto baixo gasto, tras seis meses de pandemia e con todo o tecido económico paralizado, onde o Concello de Ferrol priorizou a axuda directa a familias necesitadas e empresas, que non foron poucas, lamentablemente.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/xunta-ferrol/20200915224724288173.html

Embigos

O acontecido este sábado na rúa Pardo Bajo en Ferrol, pero tamén en moitas localidades galegas, é síntoma de cousas que están pasando desde a supresión do estado de alarma. Amosa, de xeito claro, que ninguén está ao mando en Galicia na verdadeira desescalada. Os concellos fan o que poden, mentres o presidente Feijóo está – como hai meses – unicamente á campaña electoral, máis porque se hai que reprimir determinados comportamentos sempre é impopular en período electoral.

Agora que o “papel de malo” corresponde á Xunta de Galicia que sexan as policías locais ou as asociacións de hostaleiros quen asuman unhas tarefas para as que non están preparadas, cando ademais o caldo de cultivo foi a rebelión que, desde o primeiro momento, houbo nos ultras e na dereita para boicotear ao Goberno de España. O certo é que a mensaxe que transmitiron foi ben clara: o comunitario non importa, só o embigo de cada quen.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/embigos/20200623232013283323.html