Perdemos o tren

Estes días hai polas redes unha campaña de apoio ao “tren da costa”, o que fai a liña Ferrol – Ribadeo, na pretensión de recuperar un servizo público esencial e estratéxico para o norte de Galicia, e máis agora tras a desescalada e a volta aos traballos, á universidade e aos institutos. Pero, seguimos coa mesma atonía por parte do operador ferroviario.

Unha das eivas é que non entende a realidade interior de Galicia e busca “optimizar” un cadro de persoal exiguo e nuns horarios irrisorios e inadecuados. Pero, tamén porque hai quen está a xustificar unha aposta pola xestión privada das liñas ferroviarias.

Si, houbo un cambio de equipo tras a entrada do novo goberno central, pero segue a ser o modelo de liquidación do servizo o que está a marcar as pautas. O Estatuto de Galicia permítelle á Xunta liderar este servizo estratéxico, mentres o noso país, os concellos e a cidadanía estamos perdendo o noso tren.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/perdemos-o-tren/20200929232839288945.html

De costas ao tren

Escoitei na radio a un voceiro da Plataforma de Defensa do Tren Ferrol Ribadeo. Amosaba as críticas de como se mal xestionou a liña de Feve. Con numerosas incidencias, avarías, esperas e transbordos a buses, con redución de revisores e servizos cando maior era a demanda este verán. Falaba dunha “clara intencionalidade de molestar e expulsar aos usuarios”, dun auténtico boicot.

A administración, RENFE e Adif teñen a impresión de que o “tren da costa” é unha extravagancia, que non é rendible e que non paga a pena. Ademais, pretenden xestionar este tren, basicamente rural, como se fose o metro de Madrid, de aí a súa teima en reproducir o sistema de mallas pechadas entre paradas. Son incapaces de ver o carácter estratéxico para Galicia e o norte de España, incapaces de ver o seu potencial para o desenvolvemento sostible do territorio, do patrimonio natural e cultural e para un turismo de calidade.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/de-costas-ao-tren/20180913001351236876.html