José Bono acaba de impedir que formacións democráticas como EA e Alternatiba, invitadas por ERC e IC, puideran dar unha roda de prensa no Congreso dos Deputados. Así, tamén o ex Conseller de Francisco Camps, Esteban González Pons, acaba de pronunciarse co propósito evidente de condicionar ao Tribunal Constitucional, sobre a legalidade das listas de Bildu para ás eleccións municipais do 22 de maio.
O PP está a conseguir que a súa estratexia oportunista en materia antiterrorista – deslealdade co goberno Zapatero, descualificación de todo aquel que non acepte a súa doutrina ou as burdas manipulacións das vítimas do terrorismo – vaia camiño de provocar unha involución nos dereitos fundamentais de opinión e de representación política.
Acaba de estar en Ferrol Juan Ignacio Ramos. Moitos lembrarán que, a mediados dos anos oitenta, era o secretario xeral do Sindicato de Estudantes; organización que tivo un protagonismo fundamental nas revoltas estudantís deses anos. Agora militante da ala esquerda do PCE, anda a presentar o primeiro volume do seu libro “Revolución Socialista y Guerra Civil (1931 – 1939)”.
Esta é unha obra que abonda sobre as raíces históricas do noso movemento obreiro, que terá o seu momento álxido coa proclamación da Segunda República e os tres anos de resistencia fronte aos militares golpistas na Guerra Civil.
Este recomendable libro, ten a virtude de explicar polo miúdo aquela parte da nosa propia Historia que foinos distraida. Por exemplo, que o fin da España da Restauración é produto da eclosión do propio movemento obreiro, que vai ter dúas vertentes principais a anarquista e a socialista; ou da negativa da vella clase dominante, que non quere a democracia e menos o xusto reparto da riqueza, para acabar provocando a Guerra Civil e a posterior ditadura fascista do xeneral Franco.
Outras das virtudes desta obra radica en que vai incardinando os acontecementos do movemento obreiro e da política española no contexto do movemento obreiro europeo; o que por momentos obríganos a unha lectura atenta, pero que permítenos ver a complexidade política da época. Editado pola Fundación Federico Engels pódese obter no seu local da rúa Pontevedra.
Os portugueses non son responsables da súa situación, nin viviron por riba das súas posibilidades, a pesar do que diga a dereita europea. Tiveron a desgraza de que antes da crise os gobernara Durão Barroso; este aplicou un programa ultraliberal que deixou a Portugal en carne viva. Agora, o temos á fronte da UE propoñendo as mesmas receitas que provocaron a crise sistémica da que non damos saído.
O chamado “Plan de Rescate” non busca axudar aos portugueses, nin á súa economía. Simplemente, é unha operación para garantir cos bancos europeos van cobrar os seus onerosos créditos, investidos na economía especulativa; xunto cun plan de saqueo do país luso, onde os recortes sociais e a venda do seu patrimonio público quede en mans, precisamente, de aqueles que provocaron a actual situación económica social.
Os portugueses teñen dúas opcións: poñerse de xeonllos durante xeracións ante os especuladores, ou volver os pasos cara a completar o 25 de Abril. E aos traballadores desta parte da fronteira, tócanos a solidariedade efectiva con eles; vainos moito na resposta que dean á dereita europea.
A nós tamén, segundo o dogma liberal, tócanos axustes. O último o chamado “Pacto polo Euro”. Qué, basicamente, é unha aposta por parte dos que provocaron a crise por impor o que poderíamos chamar a “ditadura do capital”. Porque, do que se trata fundamentalmente, é de reducir o nivel de vida dos traballadores e de cuestionar a viabilidade da propia democracia.
Zapatero volve a deixar fóra de xogo á dereita. A estratexia desta última de converter as municipais e autonómicas do 22 de maio, nun plebiscito contra o primeiro agora resulta ridícula. Este xa ten data para se marchar, e os insultos e malas formas dos dirixentes do PP evidencian que foron sobrepasados polo Presidente. Agora, deberán reconsiderar toda a súa folla de ruta, sobre todo porque se por algo se diferencian da dereita centro europea é por non querer asumir riscos; especialmente, cando todos sabemos que non teñen políticas substancialmente diferentes das marcadas pola Sra. Merkel…
Polo resultado do Consello da Xunta de Galicia celebrado este xoves en Ferrol, parece que a falta dunha festa do cocido como en Narón, aquí sérvelles simplemente con sacar a foto co seu candidato á alcaldía, José Manuel Rey Varela.
Algunhas “novidades” son un Auditorio sen equipamentos ou o anuncio do enésimo plan para os “terreos ociosos” da antiga Astano. En fin, resultados que van de acordo cos orzamentos da Xunta para Ferrol reducidos nun corenta por cento…