Barómetro

O CIS vén de presentar o seu último Barómetro, onde os cidadáns expresan as súas preocupacións ante a situación económica e non cren que vaia cambiar a curto prazo. O desapego con Zapatero e conxunto de partidos, incapaces de dar respostas aos seus problemas. Opinan que vivimos nun país máis desigual, onde as clases altas teñen bula; e unha vez máis, a maioría dos españois sitúanse na esquerda.

Este barómetro é o resultado da queima dos famosos brotes verdes, coa deriva neoliberal do Goberno socialista a mediados do ano pasado. A ortodoxia e a radicalidade dos conversos á fe dos mercados financeiros, como a Ministra Salgado e o seu Secretario de Estado, o Sr. Campa, explica moi ben a incapacidade do Partido Socialista para recuperar terreo electoral fronte ao PP.

O dogma neoliberal levou a reducir o déficit público en base aos recortes sociais. A entregar as nosas Caixas en vez de criar unha forte banca pública; a reducir a 110km a velocidade para facer fronte á suba do petróleo, produto da especulación oportunista de quen controla o mercado nacional, en vez de nacionalizar estas empresas, necesaria para unha axeitada planificación enerxética e unha redución do prezo dos combustibles.

Agora dende o propio Ministerio de Economía pídesenos que contribuamos aumentado o noso consumo. Mágoa de tantos paus que nos están dando polo camiño: Reforma laboral, recorte das pensións, inflación, paro, atraso da recuperación económica…

Ver artigo no Diario de Ferrol.

Saquear Libia

Si, o Coronel Gadafi debe ser levado ante o Tribunal Penal Internacional, pero non menos que aqueles que andan a preparar a intervención militar en Libia; que basicamente son os mesmos que decidiron a ocupación de Iraq e Afganistán. Todos eles con intereses cruzados coas grandes multinacionais enerxéticas. As mesmas que ata hai pouco saudaban á presenza do goberno libio nos seus consellos de administracións, incluídas as españolas.

Aínda non está claro que pasa dentro de Libia, pero o que xa se sabe é que a chamada oposición son unha parte da propia estrutura do réxime actual que acaba de pactar cos EEUU e as antigas potencias coloniais na zona: o Reino Unido e Francia. A diferencia de Túnez e Exipto, aquí non hai grandes masas cidadás fronte á ditadura.

Ler artigo completo en Galicia Hoxe.

 

Lidia Senra

Fuco Buxán acaba de presentar o libro editado por Laiovento, que Tareixa Ledo ten sobre a emblemática figura de Lidia Senra; que ademais reflicte a historia e intrahistoria do Sindicato Labrego Galego, de como construír unha organización de novo tipo, que ademais participa nun xeito de facer país dende unha postura anti–neoliberal e que racha cos estereotipos que hai do noso agro, incardinado no empoderamento das súas mulleres.

A cercanía a estas dúas mulleres, permite testemuñar de primeira man que a imaxe mítica de Senra, está de acordo coa realidade e no reflectido neste libro. Un liderado democrático, integrador, que comparte ideas, proxectos, poder e capacidade de codecisión fronte aos hiperliderados excluíntes.

Hai tamén no discurso de Senra e do SLG unha aposta transversal, que busca a nosa complicidade en temas tan dispares como a loita feminista, a solidariedade cos pobos, a soberanía alimentaria ou a loita contra a privatización dos recursos naturais; como exemplo a pretensión da actual Xunta de Galicia de expropiarnos as nosas augas para converter este ben público estratéxico nunha simple mercadoría con prezo e exportable segundo os intereses dos especuladores. Algún día tamén pretenderán expropiarnos o aire que respiramos.

En todo caso, o futuro dunha nova esquerda e de como seguir a construír país, depende moito da capacidade de criar liderados entrañables como o reflectido pola ex secretaria xeral do SLG.

Enlace a Diario de Ferrol

Enlace a Galicia Hoxe

A Beleza

As persoas necesitamos amuletos para vencer as nosas debilidades. Dende hai anos, levo comigo tres moi singulares: todas cancións, unha delas de Aute.

Aquela que fala de […] “alzar hasta la gloria/ el poder de la razón/ Y ahora que ya no hay trincheras/ el combate es la escalera/ Y el que trepe a lo más alto/ pondrá a salvo su cabeza/ aunque se hunda en el asfalto/ la belleza/ Míralos negociando en cada mesa ideologías de ocasión/ Antes iban de profetas/ y ahora el éxito es la meta/ Mercaderes, traficantes/ más que náuseas dan tristeza/ No rozaron ni un instante/ la belleza”.

Un tema que, lamentablemente, estase a convertir na banda sonora dos tempos que corren. Onde o que impera é o todo vale, e se difuminan os principios éticos polos que guiarse. E cando lles fas fronte aos traficantes, estes tentan emporcar todo aquilo que che arrodea. Dá igual; dende o máis cutre libelo á difamación insidiosa, dende faltarlle ao respecto á familia directa até cuestionarse o sincero compromiso coa máis simple das asociacións cidadás. Chismes, moitos deles burdos insultos encamiñados a ferir e tentar desprestixiar ese perfil persoal que todos debemos ter o dereito e deber de preservar e salvagardar.

Mais, fronte a aqueles que mirando o seu embigo están nese espallar a filosofía da miseria; outros sempre levantaranse denunciando a miseria da filosofía imperante. Realmente, o importante –como afirmaba de Aute- é rozar, aínda que sexa por un intre, a beleza.

Ver artigo no Diario de Ferrol.