Os portugueses non son responsables da súa situación, nin viviron por riba das súas posibilidades, a pesar do que diga a dereita europea. Tiveron a desgraza de que antes da crise os gobernara Durão Barroso; este aplicou un programa ultraliberal que deixou a Portugal en carne viva. Agora, o temos á fronte da UE propoñendo as mesmas receitas que provocaron a crise sistémica da que non damos saído.
O chamado “Plan de Rescate” non busca axudar aos portugueses, nin á súa economía. Simplemente, é unha operación para garantir cos bancos europeos van cobrar os seus onerosos créditos, investidos na economía especulativa; xunto cun plan de saqueo do país luso, onde os recortes sociais e a venda do seu patrimonio público quede en mans, precisamente, de aqueles que provocaron a actual situación económica social.
Os portugueses teñen dúas opcións: poñerse de xeonllos durante xeracións ante os especuladores, ou volver os pasos cara a completar o 25 de Abril. E aos traballadores desta parte da fronteira, tócanos a solidariedade efectiva con eles; vainos moito na resposta que dean á dereita europea.
A nós tamén, segundo o dogma liberal, tócanos axustes. O último o chamado “Pacto polo Euro”. Qué, basicamente, é unha aposta por parte dos que provocaron a crise por impor o que poderíamos chamar a “ditadura do capital”. Porque, do que se trata fundamentalmente, é de reducir o nivel de vida dos traballadores e de cuestionar a viabilidade da propia democracia.
Ver artigo no Diario de Ferrol.