




Había cousas que ían a poucos, pero chegou a pandemia para cambiar as prioridades. Unha é o desenvolvemento exponencial do uso da bicicleta. De feito, por primeira vez, nos vindeiros Orzamentos do Estado haberá unha partida económica para este fin.
Estas cuestións van mudar substancialmente a nosa relación coas cidades e Ferrol non vai ser menos. Aí está o plan de mobilidade local á espera dun acordo entre os catro grupos políticos, baixo a atenta mirada de diversos colectivos. Agora que, todos e todas, sabemos que estes asuntos non son xa “marxinais”.
Un par de meses antes do Estado de Alarma, desde o Foro Ferrol Vivo, achegaron un documento ao Concello onde propoñíase aproveitar os espazos verdes que hai a carón da vía do tren no Ensanche A e melloras en Esteiro e Caranza. Así como unha saída desde Curuxeiras a Canido – Catabois con enlace ás praias e conexión con outros concellos da comarca.
https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2946177/tempo-bicicletas
Levamos anos alimentando ese blues que fala da perda de habitantes e capacidades de Ferrol. As últimas estadísticas do INE van nesa liña. É certo que hai datos obxectivos, pero un sempre aposta por reverter a proba de cargo.
Para a miña xeración, a do “Baby Boom”, a cidade era un espazo de liberdade vital para desenvolver un proxecto de vida. Mais, agora esta Galicia “urbanizada” do século XXI é unha garantía de calidade de vida, practicamente en calquera sitio. No noso caso, seguramente, terá razón o profesor Fra Molinero que di que debemos tomar como referencia os movementos poboacionais na comarca.
Houbo quen soubo aproveitar a baixa autoestima ferrolá, “vendendo” supostos mellores prezos na vivenda e “mellores” servizos locais. En calquera caso, o primeiro é deixar atrás o Ferrol queixoso. A cidade ten moito que ofrecer coma calquera grande cidade europea. Só temos que traballar, apostar e crer en nós.
https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2935435/ferrol-blues
A metade do mandato chegou e comezan a aparecer as primeiras enquisas, que xa están a condicionar a política local. A verdade que sabemos aquelo que todos intuíamos: a data de hoxe, Ángel Mato ten máis posibilidades que ningún outro de seguir sendo alcalde. Pero, aínda hai xogo no campo.
José Manuel Rey está de sorte porque ten opcións e, iso, vaille traer os mimos do PP galego e do presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo. Pero, depende en grande medida da capacidade de colaboración na esquerda ferrolá.
Os socialistas teñen que implementar o cumprimento do seu programa electoral, erro sería adoptar unha actitude conservadora, pese á complicada situación na Corporación de Ferrol cun goberno en minoría. En FeC necesitan reformular a súa estratexia e no BNG un pouco máis de ambición e, ambos os dous, asumir que non son a alternativa. É todos darse conta de que a cidadanía reclama sumas e acordos.
https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2928239/alcaldables
Se a política municipal ten sentido é precisamente para traballar pola cidadanía, e unha sociedade que mereza o nome como tal debe prestar especial atención aos máis vulnerables. Por iso resulta curioso que todo aquelo que ten que ver coa área de Benestar Social sexa sempre o “patito feo” e nunca se poña a súa labor en valor.
Estes días vense de aprobar o novo servizo de axuda no fogar. Un dos máis importantes contratos que vai redundar nun beneficio directo á cidadanía, pero tamén ás propias traballadoras (maioritariamente son mulleres) que estarán subrogadas e con mellores condicións que as actuais.
Este é un contrato que xustifica de seu un mandato municipal. E por moito que algúns pretendan minusvaloralo é un grande feito e unha realidade a súa transcendencia. É un xeito de facer cidade, porque – se algúns aínda non o saben – Ferrol é a súa cidadanía, sexan usuarios ou xente traballadora.
https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2891275/axuda-no-fogar