Fuco Buxán acaba de presentar o libro editado por Laiovento, que Tareixa Ledo ten sobre a emblemática figura de Lidia Senra; que ademais reflicte a historia e intrahistoria do Sindicato Labrego Galego, de como construír unha organización de novo tipo, que ademais participa nun xeito de facer país dende unha postura anti–neoliberal e que racha cos estereotipos que hai do noso agro, incardinado no empoderamento das súas mulleres.
A cercanía a estas dúas mulleres, permite testemuñar de primeira man que a imaxe mítica de Senra, está de acordo coa realidade e no reflectido neste libro. Un liderado democrático, integrador, que comparte ideas, proxectos, poder e capacidade de codecisión fronte aos hiperliderados excluíntes.
Hai tamén no discurso de Senra e do SLG unha aposta transversal, que busca a nosa complicidade en temas tan dispares como a loita feminista, a solidariedade cos pobos, a soberanía alimentaria ou a loita contra a privatización dos recursos naturais; como exemplo a pretensión da actual Xunta de Galicia de expropiarnos as nosas augas para converter este ben público estratéxico nunha simple mercadoría con prezo e exportable segundo os intereses dos especuladores. Algún día tamén pretenderán expropiarnos o aire que respiramos.
En todo caso, o futuro dunha nova esquerda e de como seguir a construír país, depende moito da capacidade de criar liderados entrañables como o reflectido pola ex secretaria xeral do SLG.

Os partidos, especialmente se gobernan, son estruturas moi complexas. Iso fai que nas cousas esenciais, como na formación das candidaturas, non valga simplemente cunha maioría mecánica; 