Foi a actual Corporación Municipal quen aprobou darlle ó Parque do Paseo Marítimo de Caranza o seu nome. Alí, este sábado a media mañá Fuco Buxán, Comité Cidadán de Emerxencia, amigos e veciños homenaxearán a súa inesquecible figura.
Coñecímosnos uns meses antes das eleccións municipais de 1991, no comité comarcal de campaña do PSdeG-PSOE; iniciamos así unha longa traxectoria vital que xuntos levaríanos a participar con outros compañeiros e compañeiras na fundación da revista Razón Socialista na que publicou asiduamente, Fuco Buxán – do que foi o seu primeiro presidente – e o propio Comité Cidadán. Non hai que esquecer o seu papel na Transición antifranquista e na conformación da UGT de Galicia.
Carmelo sempre apostou polos proxectos colectivos e de transformación social e democrática. O seu sempre foi un traballo en positivo, contra as realidades inxustas. Tivo un papel fundamental na defensa dos intereses colectivos de Ferrolterra, Eume e Ortegal e na defensa da nosa ría.
Ferrol é unha cidade moi peculiar; por unha banda conforma un xeito de ser, unha tradición especial e específica, que ten os seus mellores representantes en xentes como Quintanilla, Xulio Aneiros, Pillado e o propio Carmelo, e pola outra, persoas así conforman unha cidade única e irrepetible, fusión da mellor tradición ilustrada e do mellor movemento obreiro que trouxo a Democracia a este país.
Van xa tres anos e seguimos a sentir a súa presenza.