Federalismo

O PP sempre acaba provocando tensións territoriais coas nacionalidades. Agora ten a inestimable axuda de CiU. Ambos, desenvolven as mesmas políticas de recortes sociais e necesitan distraer con cuestións menores que o espolio da democracia.

É certo que, no caso da dereita española, hai un intento de desmontar o estado autonómico saído do artigo oitavo da Constitución. Seguen sen entender que España é un estado plurinacional e plurilingüe e da necesidade do federalismo.

Claro que o federalismo é incompatible coa dominación, a xerarquía, é horizontal e implica distribución do poder, coordinación e cooperación. Unha democracia radical. Permítome recomendar dúas lecturas para entender o dereito que os galegos temos a decidir como país:A esforzada conquista da Autonomía, 1979-1981de Ceferino Díaz eA memoria da naciónde Camilo Nogueira.

Enlace a Diario de Ferrol (Columna Letras de Cambio).

Encrucilladas

A nova maioría absoluta reforzada do PP en Galicia deixa á esquerda sen unha alternativa real e con pequenas “vitorias” pírricas. Vía libre á ditadura democrática ao servizo dos mercados. Fronte a isto só unha esquerda social na rúa, incapaz de converter o descontento cidadán nunha maioría progresista suficiente, ante a falta de credibilidade de socialistas e nacionalistas.

O PSdeG está abocado – non a un cambio – senón a unha fonda refundación pola esquerda, que traia outras políticas, outras voces e outros liderados hoxe inexistentes. Xa non ten tempo para seguir xogando, obrigatoriamente debe acertar.

Veremos á UPG capaz de xestionar un BNG que xa non é casa común? Será interesante o devir da Alternativa Galega de Esquerdas. Á marxe da consistencia orgánica de EU, Beiras é o gran referente electoral que eclipsa aos de Yolanda Díaz.

Enlace a Diario de Ferrol

A golpes

Ferrol tivo un mal comezo de campaña, por culpa da incapacidade da dereita en dar a cara e cambiar políticas. A carga policial – contra os traballadores de Navantia e Poligal – así como a detención de Pintos, supón abrir as portas a unha espiral claramente irresponsable.

O alcalde José Manuel Rey Varela e o presidente da Deputación, Diego Calvo – que coa súa saída pola porta traseira provocaron a situación – teñen que se desculpar ante os traballadores e o conxunto da cidade. Eles son os responsables políticos do acontecido, os traballadores as vítimas.

En democracia non é tolerable desenvolver unhas eleccións con publicidade enganosa, enquisas cociñadas por medios afíns e represión. Buscan crear medo e a desmobilización dos cidadáns. Fronte aos golpes con que algúns están empeñados en lembrarnos a longa noite de pedra… Agrupémonos todos!

Publicado no Diario de Ferrol o 9 de outubro de 2012.

Poligal

Poligal forma parte do gran grupo financeiro catalán Peralada, con intereses na industria, no sector hoteleiro, no xogo… Curiosamente, acaban de pasarlle á súa fábrica naronesa a débeda dun cliente non xenerada aquí, para xustificar as súas pretensións ao amparo da reforma laboral do PP.

Os traballadores de Poligal non son culpables da crise e teñen razón. Nin os recortes dos seus salarios mileuristas, nin a degradación das súas condicións de traballo van servir para reflotar a empresa. So a través dunha modernización da empresa naronesa, dun verdadeiro investimento en I+D+i, seguirán sendo competitivos.

Os recortes soan a aproveitarse da reforma laboral, a pereza patronal. É máis fácil o primeiro que procurar unha empresa competitiva. Onde está iso que chaman “responsabilidade social corporativa”? Solidariedade cos traballadores de Poligal.

Enlace a Diario de Ferrol.

Un cacique en Dozón

 

A recesión provocada polas receitas da dereita está a degradar a vida, do conxunto da cidadanía, ata extremos non vistos pola maioría das actuais xeracións. Imos camiño dos anos máis escuros dun franquismo sen Franco.

Ademais, non teñen vergonza. A Cospedal e o seu goberno despois dunha suba do quince por cento, sácanlle os salarios aos deputados da oposición. Detrás deste discurso populista e fascista, escóndese a pretensión de deixar a política para os empresarios e a xente rica. Non vaia ser que outros sexan libres para propoñer políticas para a maioría da sociedade e non para banqueiros corruptos.

Así, volvemos ao casposo caciquismo que pretende controlar e humillar á xente. Unha vez rotos os dereitos e o noso minguado benestar, os cidadáns perdemos a nosa condición, para ser simplemente sufridos consumidores (se podemos). Mentres, a dereita dá esmolas a cen euros por neno para libros, como ese alcalde – empresario de Dozón. Antes, co Presidente Touriño, os libros de primaria eran gratis para todos.

Enlace a Diario de Ferrol.