Dique Flotante

Hoxe non quero falar das nosas festas. Nin dun programa sen imaxinación, cheo de improvisación e caos; da visión cutre que a dereita ten do ocio e da cultura. Nin da morea de xentes, que estes días ocupan as rúas ferrolás, necesitadas de esquecer a recesión e os recortes provocados irresponsablemente pola dereita.

Esgótase o tempo. Esta cidade naceu pola construción naval e non pode seguir esperando por aquela comisión do PP ou por un Feijóo desleixado que veña a revendernos o seu contrato (lixo) con Ferrol, nestas novas eleccións autonómicas.

Ferrol necesita o dique flotante, con prazos de execución e con asignación orzamentaria suficiente. Non é un entretemento, é unha ferramenta de traballo para asegurar o futuro e a competitividade. Defender o naval – e carga de traballo – non é cuestión de monocultivo. É defender a supervivencia da nosa cidade.

Enlace á columna “Letras de cambio” (Diario de Ferrol).

Terrazas en Rebeldía

Unha cousa é que haxa problemas e outra crealos. Tamén é certo que as políticas neoliberais de Angie Merkel e do seu delegado en España, Mariano, deixan á xente coa pel en carne viva. Por iso os políticos deben extremar as medidas para non “cabrear” máis ao persoal.

O goberno de Rey Varela xa non ten días de cortesía. Agora, toca gobernar e para todos. Por certo, non era a dereita partidaria dos emprendedores? Vaia racha leva o PP. Cando non son coas asociacións culturais, teñen leas con hostaleiros discriminados…

Pero, tan difícil é tratalos a todos por igual? Si, estamos en crise, pero a cidade tamén necesita un respiro. Os ferroláns necesitamos ocupar a nosa cidade, a ser posible nunha terraza, aínda que rebelde, e a ser posible cun pincho. Ou imos que ter que tomarnos a clara de limón en Irlanda? Alcalde, sentidiño, que estamos en verán!

Enlace – web do Diario de Ferrol.

Un Ateneo molesto

Hai sete meses preguntáballes se a dereita local declarara a guerra ás asociacións ferrolás desafectas co “réxime”. Esta fin de semana, o Diario adiantábanos a pretensión do Goberno municipal de cambiar os usos tradicionais do emblemático edificio do Ateneo Ferrolán, que xa antes da súa re-inauguración, vai quedar pequeno para aqueles inicialmente previstos.

José Manuel Rey Varela recibiu en herdanza un Concello saneado e con liquidez económica, malia as súas mentiras. Polo tanto, hai alternativas para as demais. O argumento da “crise” é unha trampa coa que pretende facer calar aos molestos.

É lamentable, ademais, a instrumentalización que o PP ferrolán fai das outras dúas entidades, ás que mete nun lio co obxectivo de entorpecer e impedir as actividades do Ateneo. Recapacite señor alcalde. Solidariedade co Ateneo Ferrolán. Van a por todos.

Enlace á columna “Letras de Cambio” (Diario de Ferrol)

Humanizar a cidade

Teño na man un libro editado hai pouco. “Habitar tras el Muro” (Editorial Icaria), da xove profesora e investigadora social Irene Sabaté; que vén de publicar a súa tese doutoral sobre un traballo anterior; de como os cidadáns reordenan e rehabilitan un espazo vital como é a cidade.

Este libro ten un entorno peculiar como resulta do Berlín postcomunista, onde do dereito garantido, a vivenda pasa a ser un ben de consumo, baixo as inexorables leis da especulación e da mera capacidade individual de compra. Unha lectura interesante para os tempos que corren.

Lémbrolles a entrevista que hai un ano Diario de Ferrol facíalle, en relación coa súa investigación sobre a siderurxia española, e en especial, sobre as peculiaridades da naronesa Megasa. Traballo que vén patrocinado pola Universidade de Barcelona, baixo a dirección da catedrática Susana Narotzky.

Publicado o martes 17 de xullo de 2012, no Diario de Ferrol.

A oportunidade

Non se trata de mirar o vaso medio cheo. Pero, a ruptura do pacto social por parte do PP e a crise provocada polo súa avaricia, é tamén, unha oportunidade para as forzas de esquerda.

Se ben é certo que a maioría da cidadanía aposta pola súa integración no sistema, a dereita está decidida a acabar con todo, para así consolidar unha sociedade dual. Guste ou non.

Diso sabemos moito neste Ferrol que vive momentos decisivos. Que ten que marcar a súa traza vermella ou non ter futuro. Construír a nova cidade require, en primeiro lugar, que o vello acabe xa de morrer; unha fonda renovación das súas entidades, principalmente dos seus partidos.

Aqueles que usufrutuaron o poder,  incluídos os que débenlle os seus empregos, saben que tócalles poñerse a un lado. A crise tamén é unha oportunidade para ese Ferrol rebelde necesario. Ese Ferrol que pide paso.

Enlace a Letras de Cambio (Diario de Ferrol).