Imos Indo

Non creo que a voceira do grupo municipal do PSdeG ferrolán teña gañas de seguir coa canción que usou na eleccións locais. Vén de cometer un grave erro, converter o referendo socialista sobre os pactos para o goberno estatal nun plebiscito sobre a súa persoa, pedindo o non para os secretarios xerais do PSOE e do PSdeG. Ao seu fracaso no voto en urna, súmase o do voto “on line”.

A un complicado liderado tras a severa derrota das municipais e ao seu enfrontamento con Sánchez e Besteiro, súmanse outra xeira de dimisións na súa executiva (van once) e a división do grupo socialista no último Pleno municipal, onde se quedou soa co apoio do concelleiro de servizos. E, para máis inri, xa hai quen manda mensaxes polos sete mares para ofrecerse como voceira alternativa á propia Sestayo. Todo apunta a que a necesaria renovación no socialismo ferrolán virá -queira ou non- a baronesa local.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/imos-indo/20160303002830147903.html

Empresas

Antonte a dereita económica facía un último intento de salvar as políticas de Mariano Rajoy e do PP, a través da declaración da Cámara de Comercio de España que representa a unhas tres millóns de empresas. Pedían polo “ben común” un gran acordo a tres para que nada mude. Non escapa que o fagan o día antes de presentarse o acordo do PSOE con Albert Rivera, e á espera de máis acordos coas forzas de esquerdas.

Este primeiro acordo de Sánchez lévase por diante a reforma laboral do PP, anula o delito de coacción nas folgas, trae un plan da inspección de traballo contra a explotación e a precariedade laboral e un novo Estatuto dos Traballadores. Tampoco hai que esquecer o plan anti corrupción na política, e polo tanto, tamén nas empresas. Como se ve aquí ninguén fala inocentemente. Falta ver o que sume a negociación do PSOE coas “Mareas” e un Podemos atrapado no labirinto de Pablo Manuel.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/empresas/20160225000758147266.html

69.000

É preocupante, por non usar un adxectivo máis groso. Imos perdendo arredor de seiscentos habitantes cada ano que pasa, e di o IGE que andamos por baixo dos sesenta e nove mil habitantes. Ferrol está á cola das grandes cidades, nin siquera correspóndenos este calificativo. Pero, chegado a este punto xa non me vale o botarlle a culpa, simplemente, á reconversión do naval onde nos piquetes, estivemos os que estivemos.

Hai algo que se está a facer mal en Ferrol. Si, hai resignación ante a marcha de xente nativa e inmigrantes. Si, a reconversión pero tamén a renuncia dos dirixentes políticos, sindicais e sociais. Agora, nin queda a ilusión do espellismo das municipais, estamos ante a repetición da vella coalición entre EU cos socialistas. Hai resignación e falta rebeldía nas “forzas vivas” e non sabemos que cidade queremos para este século. Resulta máis fácil buscar acougo nun sillón.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/69-000/20160218000654146665.html