De Reis

A política é, basicamente, á xestión das cousas da xente común. Por iso, as administracións municipais son o primeiro eslabón coa cidadanía, dedícanse a organizar e resolver aquelas cuestións que afectan de preto e inciden na vida diaria da veciñanza. Non hai cuestións menores, malia que trate de aquelas cousas “pequenas” pero que se valoran, especialmente en datas como as que están a transcorrer.

Así, un evento central como é a cabalgata de reis nas festas navideñas, non é cuestión menor e, moito máis, porque tratamos de implicar ás máis novas e novos da nosa cidade. Quizais, fose importante que houbera unha verdadeira xestión, e non trasladar a idea de que pasamos por riba das cousas porque é unha cousa sen maior transcendencia. Si, o martes houbo un pésimo tempo en Ferrol, pero unha cabalgata é moito máis que catro cousiñas mal enlazadas. Que tome nota a autoridade. Grazas.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/reis/20160107003929142928.html

Bos propósitos

Durante décadas foi a esquerda, sobre todo o PSdeG, quen deseñou a cidade, pero foi unha construción ás apalpadas e a medias. Isto obríganos a repensar un novo programa, alén da xestión inmediata do Concello. Así, a política municipal debe ser un proxecto asumido por todo o corpo social, estimular iniciativas, despertar ilusión e o sentimento de pertenza, para así dar resposta á necesidade da xente de superar a crise que padece Ferrol.

As tarefas son múltiples. Debemos facer as nosas achegas á oportunidade que se abriu desde o 24 de maio no eido local. Trátase de ir alén dun simple espellismo, trátase dunha ruptura co pasado que ten ao concello como base dun cambio, onde todas as esquerdas deben mudar e ofertar un novo discurso, cunha nova praxis política. A maioría da cidadanía seguiremos a colaborador na construción deste Ferrol que necesita insertarse na nova realidade.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/bos-propositos/20151231003840142486.html

Coherencia

Si, o partido socialista ten que mellorar. Os resultados do 20D non son para botar foguetes. Pero o primeiro, en política, é ser coherente. Así, quen nas eleccións municipais acadou un peor resultado, Beatriz Sestayo (o segundo peor do socialismo local), e non acatou o veredicto das urnas, non ten dereito a pedir explicacións de ningún tipo. Fomos outros os que asumimos aquel resultado de maio, fomos outros os que dimitimos e deixamos a porta aberta para a renovación do PSdeG ferrolán.

A ensinanza das eleccións xerais é clara. Presentando un candidato que proxecta decencia política e coherencia, a marca socialista recupera voto. E iso, a pesar de que a secretaria xeral e os seus máis achegados, premeditadamente, estiveron á marxe da campaña, chegando mesmo a dar roldas de prensa en período electoral en contra da candidatura. Elas e eles saberan qué buscaban en realidade.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/coherencia/20151224033316142048.html