Obsesións neocons

“A obsesión pola igualdade foi un dos grandes males endémicos do ensino, convertido nunha máquina de xerar parados e no que sobran universitarios que deben ser trasferidos á formación profesional”. Quen fai esta afirmación é un exdirectivo de Merrill Lynch, vinculado a unha fundación da banca española. Novamente, veñen a nós propoñer unha serie de reformas que buscan a desaparición do ensino público e aumentar a precariedade laboral.

Deixemos claro algunhas cuestións básicas. Temos unha organización da economía e das empresas obsoletas, que obedece máis a cuestións ideolóxicas e a aceptación dun papel subsidiario dentro da Unión Europea e que explican a falta de liderado da gran patronal española e o seu carácter clientelar. Así, tamén, por eficiencia económica e organizativa, e por coherencia democrática, toca que as e os empregados participen da xestión directa das grandes e medias empresas.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/obsesions-neocons/20160331002905150302.html

Pechar filas

Os socialistas vimos de saber da renuncia do noso secretario xeral. José Ramón Gómez Besteiro xa está libre e defendéndose das acusacións dunha xuíza que pretende endosarlle facturas da época do PP de Cacharro na Deputación luguesa. A señora De Lara deberá probar todas as súas acusacións, porque hai tamén un amplo rexeitamento na propia cidadanía ante o que se considera unha intromisión ilexítima na política galega.

Este feito venlle moi ben á dereita galega. Por iso non teñen sentido premuras innecesarias. O PSdeG debe resolver en tempo e forma as súas primarias e o seu congreso galego. Non é de recibo que a aqueles que desde dentro alimentaron a saída de Besteiro lles entren as présas, máis cando son boa parte dos que se están descartando porque saben que ben non contan co voto cidadán ou xa son historia. Toca pechar filas coa xestora galega e coa súa presidenta Pilar Cancela.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/pechar-filas/20160324001710149783.html

Deportacións

Concentración de onte en Ferrol

Concentración de onte en Ferrol

Europa cada vez menos Europa. A piques de aprobar a deportación masiva das e dos refuxiados orixinarios de Siria, Iraq e Afganistán cara a Turquía, a cambio dunha morea de euros. O fariseismo elevado a categoría política, no teu nome e no meu. E coma sempre as mulleres e nenas levan a peor das partes, denuncias das Nacións Unidas por abusos sexuais pola situación de indefensión na que están. Europa reflectiva no espello da gran miseria moral.

No noso país o Goberno tivo que cambialo paso. Someter esta proposta de deportacións masivas porque así llo esixía un informe xurídico ao Congreso, aínda así négase a comparecer ante a Cámara da soberanía popular. Rebelión da dereita contra da democracia. Cando menos que España vete o acordo, hai que axudar as e aos refuxiados. Xustiza tamén para elas e eles. A Europa solidaria na que cremos ten capacidade de acollida, Welcome refugees!

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/deportacions/20160316214037149103.html

Reforma Local

O Partido Popular aproveitou a súa maioría absoluta na anterior lexislatura para facer unha reforma local ao servizo da economía especulativa. Chegaron á conclusión de que era imposible reflotar aos sectores da construción e bancario, que había que poñer no mercado os bens e servizos que xestionan dende os concellos, e a ser posible, cun prezo de saldo. Queríaos baixo a tutela do Ministerio de Economía coa escusa dunha mala xestión por falta de orzamentos.

Pero o Tribunal Constitucional di que a súa reforma local (LRSAL) invade as competencias tanto das Autonomías como as dos concellos. Cuestiona a súa tutela en materia de atención social e primaria á veciñanza. É unha batalla gañada dende un municipalismo que reclama competencias e recursos propios, porque son a administración máis cercana. Un tanto que apunta Abel Caballero á Federación Española de Municipios e Provincias.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/reforma-local/20160309223541148489.html