Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Sarille e a aposta polo galego

Quero aquí propoñerlles o último ensaio de Xosé Manuel Sarille, “A impostura e a desorientación na normalización lingüística” (Candeia Editora). Un libro necesario que analiza onde estamos e como reformular a estratexia, desta inacabada aposta, porque o galego teña a súa presenza predominante na sociedade galega; como recoñecemento dos dereitos que temos a existir como tal, a manter o sinal básico da nosa identidade nacional como pobo diferenciado. Seguen a ser certas aquelas palabras de Castelao de que seremos galegos mentres exista o galego.

É este un ensaio cun discurso diferente, crítico e autocrítico, a corazón aberto, onde se analiza a historia da normalización lingüística, a guerra civil das normativas, os sectarismos políticos – ideolóxicos, a actual parálise e retroceso do idioma galego, nun momento onde xa as tres forzas políticas que conforman o Parlamento galego tiveron ocasión de levar adiante a súa política lingüística, e o resume é que neste eido non hai diferenzas substanciais entre elas.

Un ensaio sen concesións, nin tan sequera para o propio Sarille, fundador d­’A Mesa. Unha análise que racha con sectarismos e tabús; algo pouco visto nun país onde a falta de autocrítica é normal. Unha análise necesaria para romper a impostura e buscar unha nova orientación que abra novos vieiros para o galego, como idioma nacional e non residual. Un libro que lle doerá a máis dun político de pro; e quizais por iso sorprende a liberdade de pensamento e crítica do autor. Mais, o ten claro: “a ninguén se lle pode pedir que faga de corista”.

Ler artigo completo en Vieiros

Unha reflexión post electoral desde Ferrol

Estes días ando mirando os resultados electorais nos breves momentos dos que dispoño. É unha costume que teño xa que, normalmente, sirve para ver as tendencias dos votantes, de onde a onde van e porque sube un partido ou baixa o outro. Creo que unha vez máis amosan que o PSOE para gañar ten que facelo pola esquerda, e que practicamente non hai transvase entre as esquerdas e as dereitas; a diferenza do dito por Soraya Sáenz de Santamaría e, posteriormente por Mariano Rajoy tras anunciar a súa continuidade ao fronte do PP. Opinións contrarias ás emitidas por Gabriel Elorriaga que dicía ao Financial Times: “Sabemos que eles nunca votarán por nós, pero se podemos sementar bastantes dúbidas acerca da economía, a inmigración e as cuestións nacionalistas, entón, quizais eles queden na casa”.

Polo tanto, ¿de onde sae esa suba de catrocentos mil votos do PP? Se collemos a lexislatura da maioría absoluta de Aznar veremos que Rajoy, recupera parte de eses case seiscentos mil votantes que non recibiu hai catro anos, ademais, están os votos que recibe en Andalucía procedente da dereita andalucista do PA, probablemente, máis de cen mil. É dicir, que en teoría Rajoy aínda non chegou ao teito electoral da dereita española.

Quizais o máis salientable é co PSOE sácalle votos a IU e ERC, pero non logra mobilizar a unha parte do electorado de esquerdas que queda na casa. Esa é a miña impresión.

Neste senso non é bo que quen ten sido un socio preferente non capitalice a súa achega. Para eles é moito máis fácil chegar á conclusión de que os pactos cos socialistas lles prexudican a reflexionar sobre as súas eivas estruturais. Non coñezo a realidade catalá, pero no caso de IU, á marxe de que se ben é certo que o sistema electoral failles dano, o seu é a falta dun proxecto político claro para España. ¿Son socialdemócratas, ecosocialistas, trotskistas, radicais, ácratas, nacionalistas, federalistas, que son? Xunto coas loitas internas polo reparto do seu escaso poder institucional.

A posible desaparición de IU abre a perspectiva de que un amplo sector de votantes de esquerda, que non van vir ao PSOE, queden sen representación. Ademais, unha forma de afortalar o sistema democrático é facer participar del a cantas máis persoas e opcións. Así mesmo, tendo en conta que algún día o PP xirará cara á moderación – se quere gobernar- este acabará entendéndose coas dereitas nacionalistas, coas que a pesar de todo, comparten un mesmo modelo de sociedade e xa gobernaron. É dicir, a falta de IU obrigaría, nese futuro hitopético ao Partido Socialista, a depender da procura da maioría absoluta.

Sigo a pensar que foi un erro o apoio a Manuel Fraga a partir de 1982 co obxectivo de fomentalo bipartidismo, evitándolle ao PSOE competidores polo centro e pola esquerda. Hoxe a existencia dun partido centrista obrigaría a moderarse a esta dereita radical nacional católica e permitiría abrir o abano de pactos máis alá dos grupos nacionalistas periféricos, ou do amplo grupo mixto.

Habería que facer unha análise máis fonda de porque tivemos tantas dificultades nesta campaña, cando esta foi, probablemente, unha das lexislaturas máis progresistas, tanto no eido social como no eido dos dereitos das persoas. Eu apunto, alomenos catro razóns: a) A aposta por parte do aparato e dos cargos públicos do Partido Socialista, basicamente, polas Institucións; b) A intercomunicación cos cidadáns a través da prensa, maioritariamente, de dereitas, e non a través das agrupacións locais e dos movementos sociais; c) un duplo discurso que por momentos chega moi confuso aos cidadáns, por unha banda, un netamente de esquerda en materia social, fronte a outro monetarista e de déficit cero, neoliberal; d) o discurso progresista da España plural non só ten enfronte á idea de nación tardofranquista do PP, senón que destacados membros do PSOE fan de proa contra Zapatero, neste eido.

(Sería tamén interesante analizalos erros dos socialistas en Madrid, que probablemente beneficien a Rosa Díez nesa Comunidade, xunto co seu discurso patrioteiro, a diferenza dos seus pobres resultados nas restantes circunscricións españolas).

Pero, o certo co PSOE é o partido que máis se parece a España: 1) Ten un desenvolvemento uniforme ao longo do Estado, sendo goberno ou con opción de gobernar en todas as Comunidades Autónomas. 2) É o representante da maioría social no senso de que representa á maioría das clases traballadoras españolas e dos sectores máis dinámicos das clases medias asentadas. E 3) Sigue a ser o Partido que está a transformar a realidade española, desde a restauración da Democracia en 1978.

Para finalizar este apartado, dicir que me inclino por un goberno de Zapatero en minoría con apoios preferentes no amplo grupo mixto (IU, ERC, BNG e NaBai; resúltame difícil encadrar a Rosa Díez dentro do campo progresista) e acordos en materia autonómica e antiterrorista, tamén con CiU e PNV. Xa veremos que fai nestes derradeiros asuntos o PP mariano. E probablemente os dous deputados de Coalición Canaria poidan, por momentos, cubrir a falta de acordo con outros do propio grupo mixto.

Os resultados galegos

Seguir lendo

O voto de Isaías

Onte non puiden escribir e quedei sen amosar publicamente a miña repulsa pola morte do compañeiro Isaías Carrasco e a miña solidariedade coa súa familia. Vaia desde aquí o meu primeiro pensamento.

O teu voto contra ETADentro dunhas horas estarei nas mesas electorais en Ferrol como apoderado do Partido Socialista. Estou seguro que a xente vai a participar masivamente nesta convocatoria electoral. Fronte a aqueles que desprezan a democracia e a participación da xente co seu voto, estaremos. Que ninguén o dubide.

É de salientar o acordo unitario das forzas políticas no Congreso dos Deputados en repulsa polo asasinato deste compañeiro socialista e da UGT. Mágoa que por uns intres na dereita non fosen capaces de deixar a un lado o seu oportunismo político.  As palabras do voceiro “popular” Astarloa non son as adecuadas cando hai vítimas recen asasinadas, e aquilo de Rajoy “ya saben lo que pienso”, non interesa a ninguén.

 Non se poden facer determinadas cousas cando hai un atentado polo medio; a familia e a xente merecen maior respecto. A política partidaria, neste caso, puido esperar a pasar estas datas. É unha mostra máis de que a equipa de Rajoy dá as eleccións xerais por perdidas.

 En fin, vémonos nos colexios electorais. Contra ETA. Por Isaías. Por nós.

Euskadi bai, ETA EZ!

Galiza con Z de Zapatero

Estes días, tras o primeiro debate electoral entre Zapatero e Rajoy percibíase un cambio na campaña do Partido Popular. Aquel Rajoy máis moderado daba paso ao extremista, que xa no propio debate lanzara inxurias contra o Presidente, entre elas aquela da suposta agresión ás vítimas do terrorismo.

A miña primeira impresión era que no PP quizais tiñan detectado que unha parte da dereita radical pro Aznar non tiñan claro si votar a Rajoy. De aí a dureza, outra vez do seu discurso; xuntábase tamén o catastrofismo en materia económica e, aquilo de “se rompe España”, e tamén, ese discurso racista e xenófobo contra a inmigración. Quizais o máis patético foi aquela intervención final de Rajoy dedicado a “aquella niña española”.

Si Rajoy, a diferenza de Aznar en 1993, non foi capaz de gañalo primeiro debate, o segundo, que vaise facer este vindeiro luns, evidentemente o ten moito máis complicado. Entre outras cousas porque desta os temas serán iniciados por Zapatero e ademais, as declaracións ao Financial Times do seu responsable de comunicación, Gabriel Elorriaga, amosa xa a verdadeira estratexia da dereita: provocar a abstención da esquerda sementando dúbidas sobre a situación económica, as Autonomías e a inmigración. Recoñecendo que en España, coa poboación europea máis á esquerda, non hai transferencia significativa de votos entre os bloques ideolóxicos, e que o triunfo da dereita está na abstención dos electores socialistas.

Con respecto ao debate galego a tres; Touriño, Quintana e Feijoo, quizais o máis salientable é que tanto o PSdeG e o BNG desta vez actuaron como socios de goberno, especialmente na defensa da política social e do modelo autonómico. Iso dálles unha vantaxe indubidable sobre o PPdeG. A resposta do líder da dereita galega así o amosa: “Sr. Touriño rompa o pacto de progreso co BNG e terá novo estatuto galego”. Lamentable. Feijoo non entende que ou estamos todos o non hai xogo. Parabéns ao bipartito.

Non quero deixar de facer un comentario sobre a campaña das XSG, á que teña moito aprezo. Débese, claro está, a que fun membro da súa Executiva Nacional a principios dos noventa. A súa é unha campaña moi dinámica. Que usa a fondo as posibilidades da Rede, ademais imaxinativa. Aí tedes o seu vídeo “Ti que queres ser de maior?”, as súas cuñas radiofónicas, aínda que a min gústame máis o cómic de campaña.

Logo PSdeG Ferrolterra Xerais 2008Manifesto o meu apoio aos candidatos ao Congreso por Ferrolterra, Xavier Carro, e tamén a Sandra Ríos, candidata ao Senado. A pesar da baixada no número de escanos que ten asinado desta a provincia d’A Coruña, estou seguro que coa vosa participación teremos a Xavier  no Congreso representando os intereses das persoas da comarca. Fun un dos redactores da nota da UGT de Megasa, que fai que a nosa sección sindical publicamente se manifestara a prol da candidatura socialista.

En definitiva, non vos quededes na casa o 9 de marzo. Non deixedes co PP estrague a vosa vida. Galiza con Z de Zapatero.

Impostura e desorientación na normalización lingüística

A impostura e a desorientación na normalización lingüística

Por Xosé Manuel Sarille

Libro SarilleUnha reflexión libre. Dirixido aos que queren reflexionar libremente sobre a lingua. Un libro con moitas preguntas e respostas. Entre elas as seguintes:

Por que a política lingüística municipal do BNG é igual, con moi poucas excepcións, á dos concellos gobernados polo PP e o PSOE?

Por que Anxo Quintana entregou o 15 de setembro de 2005 a política lingüística da Xunta ao PSOE, cando ía ser unha área xestionada entre as dúas forzas? Que quería dicir cando declarou que “pola lingua non vaí haber problema”?

Cando os tres partidos principais ensaiaron xa a súa política de lingua en todo tipo de institucións, concellos grandes e pequenos, deputacións e Xunta, e fracasaron, quedan enerxías nalgún outro lugar? Hai razóns para a alegría?

Por que as institucións comprometidas coa lingua teñen unha enorme responsabiíidade no fracaso da súa normalización?

Por que sendo Galiza un país rico dentro do contexto mundial, ten dificultades para desenvolver políticas complexas? É rico e atrasado? Que consecuencias ten iso na normalización lingúística?

Por que as normas da Real Academia Galega teñen nas edicións actuais máis de cincuenta erros graves, que as converten, ás edicións, en inservíbeis?

Por que cando Europa está a construír grandes rexións e o mundo camiña cara a globalización, en Galiza óptase por afondar as distancias culturais con Portugal e Brasil?

Por que en Estremadura estudan portugués máis de 10000 alumnos e aquí practicamente ningún?

Por que as Universidades non criaron estudos específicos para especialistas na política de lingua? Por que, no entanto, hai dez ou doce organismos investigando léxico sen coordinarse?

Cantos profesionais da normalización língúística en nómina hai facendo política cultural? Todos?

Por que todas as tendencias do BNG calan a boca ante unha política lingüística igual ou  peor que a do PP da época de Fraga?

SEN DIAGNÓSTICOS LIBRES E SEN AUTOENGANOS NON HAI SOLUCIÓNS POSÍBEIS.

Xosé Manuel Sarille é Presidente de Honor da Mesa pola Normatización Lingúística. Está vinculado á defensa da lingua galega desde a adolescencia.

Enderezo de Candeia Editora