Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Honduras

Os Hondureños acaban de celebrar o aniversario da súa Independencia de España, con dúas celebracións opostas. A oficial co Presidente Lobo, aupado ao poder tras as “eleccións” organizadas polos golpistas; e a democrática – popular arredor da FNRP e que foi reprimida.

A Fronte, que organiza aos grupos políticos que van dende o centro democrático á esquerda, aos diversos movementos sociais do país, ten xa recollidas máis dun millón trescentas mil sinaturas, co obxectivo dunha Asemblea Constituínte que leve a Honduras a unha nova Constitución e á plena democracia. O Presidente Lobo só logrou sumar medio millón de votos na súa “elección”.

É evidente a gran inestabilidade política do réxime hondureño, patrocinado pola actual Secretaria de Estado Hillary Clinton. O Presidente deposto, Manuel Zelaya, cometeu o “sacrilexio” de querer un país máis xusto. Chocou contra os intereses das grandes multinacionais norteamericanas, na súa pretensión de introducir unha certa competencia no sector agrario, ou cando pretendía importar desde Cuba medicamentos xenéricos máis baratos…

Honduras xa non é noticia, as grandes axencias mediáticas abandonaron o país. Cuestión que é aproveitado polo Réxime para proseguir co acoso á poboación civil e o asasinato selectivo dos seus dirixentes democráticos e sociais, imitando o proceder do Mosad israelí na represión do pobo palestino.

Máis, os golpistas teñen un apoio inestimable en nós mesmos. O noso esquecemento. A nosa solidariedade co pobo hondureño debe manterse viva e as nosas Institucións ser consecuentes coa nosa tradición democrática.

Enlace a Galicia Hoxe

Cándido

Vén de celebrarse o Comité Provincial do PSdeG – PSOE coruñés. O traballo desenvolvido polos nosos alcaldes e polo partido permiten facer a previsión de repetir resultados nas municipais de maio de 2011, se ben deberase mobilizar especialmente a aqueles sectores que sofren a crise económica, maioritariamente votantes socialistas. Salvador F. Moreda explicitou o seu apoio aos alcaldes de Coruña, Santiago e Ferrol.

Tamén, dependemos dos nosos acertos. Son necesarias unha forte aposta por recuperar a xestión pública de servizos privatizados; a calidade do emprego nos Concellos; e renovacións de listas municipais integrando a persoas con claros perfís de esquerda e vinculados aos movementos sociais.

Produto dunha pluralidade interna que ten que ser posta en valor, a economía e a reforma laboral estiveron no corazón do debate. Fronte ao discurso oficial de recortes de dereitos e prestacións, outros reclamamos políticas económicas expansivas, progresividade fiscal e un xiro á esquerda.

Houbo tempo para facer chegar a esta asemblea socialista unha reclamación que xa ten dez anos por parte de votantes ferroláns de todos os partidos, e canalizada polo Comité Cidadán de Emerxencia. O traslado de Reganosa fóra da ría ferrolá.

Son consciente do grado de impacto da miña primeira afirmación neste comité, pero resume o que penso de cara á Folga Xeral do 29 de setembro: Cándido Méndez ten razón.

Enlace a Galicia Hoxe

Tomás Gómez, por Madrid

Toda a dereita mediática está lanzando unha dura campaña contra a celebración das Primarias do 3 de outubro no PSM – PSOE. Teñen medo de que isto serva para revitalizar ao partido socialista, tras as erróneas medidas neoliberais que – mal aconsellado – tomou o Presidente Zapatero. Tamén é certo que a quen máis caña dánlle é a Tomás Gómez, quizais porque na distancia semella ir polo camiño de aqueles que atrevéronse a rachar coa tutela do lobby neoliberal do partido, e que contra prognóstico acabaron gañando a súa elección: Josep Borrell (Primarias de 1998) e J.L. Rodríguez Zapatero (35 Congreso Federal, xuño do 2000).

Este luns a Ministra Trinidad Jiménez confirmou que pretende presentarse como candidata alternativa ao actual secretario xeral do PSM. Quizais, o máis salientable non sexa tanto a súa probada capacidade de xestión, senón que a pesar de formar parte dos ministros da xeración Felipe, segue na primeira liña; outros son o propio Manuel Chaves ou, sobre todo, o incombustible Ministro de Interior Rubalcava. Trinidad Jiménez tamén forma parte da Trilateral, un curioso club cunha evidente visión clasista do mundo actual. Fraco favor fanlle á Ministra cando, polo menos até este domingo, non manifestara a súa aspiración a ser candidata por Madrid. En calquera caso, é unha obviedade o seu dereito a presentarse e, tamén sería unha magnífica candidata socialista fronte á lideresa ultraliberal Esperanza Aguirre.

Evidentemente, non teño todos os datos do que acontece na Comunidade de Madrid. Da crise do conxunto das esquerdas, onde 400.000 votantes socialistas e 200.000 de IU – basicamente traballadores – están na abstención. Pero, é ben certo que os erros destas dúas formacións permítelle á dereita gobernar Madrid, tanto no Goberno Rexional como no mesmo Concello capitalino, dende hai preto de vinte anos. Quizais, estas deberan saber que sempre hai un camiño á esquerda.

Pero, volvendo ao PSM, creo que Madrid merece unha oportunidade de decidir de seu. Por iso, que haxa primarias socialistas é unha moi boa noticia. A democracia directa e participativa é a mellor medicina contra o desencanto e a indiferenza. Desde IU deberan, creo, facer o mesmo. Estas son as mellores formas de abrirlle fendas á dereita.

Creo, ademais, que un dos problemas de Madrid está precisamente en ser a capital do Estado. Isto fai que todos os Gobernos españois, incluso os ex presidentes e ex ministros, sintan a tentación de tutelar e dirixir o que en primeira instancia corresponde aos militantes dos partidos – facer a proposta de programa e candidatura para os madrileños – e, despois nas eleccións aos seus cidadáns.

Obviamente, quédame lonxe e compete soamente aos compañeiros e compañeiras do PSM elixir aos candidatos por Madrid. Máis – e repito que recoñezo que fáltanme elementos para unha opinión crítica – desde esta Terra, veño a coincidir co dito por Gregorio Peces Barba, no seu artigo titulado En defensa de Tomás Gómez.

Sería un erro considerar a decisión da dirección PSM-PSOE de presentar ao seu propio candidato como unha rebelión, e máis absurdo presentalo como un pulso contra determinadas persoas da dirección federal. Sobre todo é un dereito democrático, e fundamentalmente unha gran aportación para revitalizar o socialismo madrileño, que necesita da súa propia autonomía e capacidade de decisión.

Parabéns para o PSM – PSOE pola celebración destas Primarias: qué as bases decidan porque os tempos son chegados.

Caixas

As Caixas de Aforro quebraron pola súa xestión privada. O Estado, é dicir, nós, fumos correndo para salvalas e agora, resulta que van a desaparecer igual. Os responsables da crise queren privatizalas e Zapatero cede. Un bo negocio a conta desta España que está de saldo.

En Galicia, fumos chamados polo noso Presidente in itinere Núñez Feijóo – candidato a suceder a Rajoy – ao exercicio dun patriotismo financeiro pailán, onde senón aplaudías eras un traidor ao país. Os alcaldes das cidades da Coruña e Vigo, enfrontados. Todos os partidos – incluídos todos os de esquerdas – son responsables desta venda de patrimonio público. Xogaron a repartirse o pastel e agora quedaron entrampados da súa dinámica neoliberal.

Onde queda a función social das Caixas, a súa aposta polas xentes e polo propio territorio? Para que a fusión entre Caixa Galicia e Caixanova se acabarán vendidas a un banco privado? Que instrumentos temos os cidadáns para exercer o noso dereito democrático a unha economía produtiva e sustentable?

Necesitamos banca pública. Nacionalizar as Caixas de Aforro. Son patrimonio común dos cidadáns. Hai que parar a voracidade dos tiburóns financeiros, que pretenden tutelar as nosas vidas.

Plan de Axuste. Reforma Laboral. Caixas. Xubilacións aos 70. Negocios lucrativos para os responsables da crise e reparto da miseria para a inmensa maioría. Non nos confundamos… é unha cuestión de democracia. Exercitémola.

(Ler artigo no Diario de Ferrol)

Militancia

Felipe González en 1993 dixo que entendera a mensaxe. Non foi así. Nomeou a Solbes Ministro, e pactou con CiU unha política plenamente neoliberal, sen concesións. Déficit cero e Pacto de Estabilidade. En 1996 os votantes socialistas máis á esquerda quedaron na casa. Aznar gobernou co apoio de CiU.

Nunha acción conxunta dos tiburóns financeiros e da dereita europea dobregaron a Zapatero e agora, escríbenlle o plan de axuste. Foron axudados polo sector neoliberal do PSOE, Felipe incluído.

Agora este último reclama militancia pura e dura. Leninismo neoliberal. Aínda que para si, Felipe sempre reclamou a heterodoxia socialista. Quizais, por aquelo que dicía Bensaïd: “A miúdo hai máis fidelidade política na infidelidade crítica”. Eu tamén reclamo a mesma heterodoxia.

O plan de axuste e a reforma laboral coloca ao PSOE onde quere o PP. Estamos abocados a afondar na crise coas medidas que queren os que a provocaron. Necesitamos un xiro á esquerda. Banca pública e nacionalización das empresas enerxéticas, participación dos traballadores na xestión das empresas, loita contra a fraude e por unha progresividade fiscal. Democracia económica.

Peche da Bolsa. As pequenas e medias empresas non se financian así, nin sequera as grandes, que acaban recorrendo á banca tradicional. A Bolsa só serve para especular, espoliar e atacar os dereitos dos cidadáns. Usura depredadora.

Militancia pura e dura, si. Pero, para defender á nosa base social, a democracia e o socialismo.

Enlace a Diario de Ferrol

Tamén aparecerá no número 28 da revista de “Razón Socialista” (a piques de saír do prelo).