Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

T de Tomás

Gañeille unha aposta a un amigo policía, que durante un tempo estivo traballando na seguridade persoal da Ministra Trinidad Jiménez. Non era difícil. A vitoria de Tomás Gómez é de manual e non hai porqué recorrer ao Príncipe de Maquiavelo para sabelo.

Abandona a tranquilidade da alcaldía de Parla, asume a secretaría dun PSM roto, non é deputado autonómico, vai integrando ás diversas sensibilidades do socialismo madrileño e prepárao para a batalla contra a dereita. É lóxico que cando todo está a punto, diga que el e os seus, seguen.

Fronte á lóxica, dinlle que non e ademais, mándanlle ao máis selecto das forzas armadas do partido para combatelo. Que ían facer dende o PSM? Tiñan outra saída? A iso hai que sumarlle a empatía natural co desfavorecido e que os socialistas madrileños están cansos de tanta tutela. Resultado: o Madrid autonómico reivindica o seu feito diferencial con respecto ao Madrid Estado.

En todo caso, Trinidad Jiménez sabe que o seu traspés non supón un rechazo dos militantes madrileños. Os responsables son aqueles que aconsellaron á dirección do PSOE manterlle un pulso ás bases socialistas madrileñas. Dicía Zeca Afonso que o pobo é que máis ordena.

Pero, a pesar de todos os voceiros da dereita co resultado das Primarias madrileñas gaña Zapatero, que escríbese con T de Tomás, de Trinidad e T de vitoria contra o PP. Permítome facer unha nova aposta: Tomás Gómez será investido Presidente da Comunidade de Madrid en maio.

Ver artigo en Galicia Hoxe

Rectificación

Alén do baile intencionado das cifras, está claro que o 29 de setembro é un éxito da Democracia. Aqueles que querían simplemente o enfrontamento – entre o partido socialista e a súa base social – fracasaron. Os traballadores expresaron o seu rechazo ás medidas neoliberais e á reforma laboral, cunha cuadratura do círculo. Cunha forte contestación ao Presidente Zapatero, esixiron a súa rectificación en materia económica e social; sinalaron aos causantes da crise e pediron un xiro á esquerda. Perden, polo tanto, os tiburóns financeiros, a dereita e o lobby liberal incrustado no Goberno socialista.

O éxito do 29S foi posible polo traballo en común de UGT, CCOO e CIG. Alén dunha simple suma puntual de forzas, deberan confluír en manifestacións conxuntas e unidade de acción nas empresas. Unha esixencia estratéxica para a defensa do mundo do traballo.

Que sentido ten o diálogo social, sen rectificación na política de Zapatero e tamén, na parte que lle corresponde á Xunta de Galicia? A precariedade retrae da participación social aos sectores máis débiles dos traballadores, pero é máis forte a indignación do conxunto da cidadanía. A reforma laboral, e o saqueo das pensións, da sanidade e da educación públicas non serán de balde. Hai e haberá contestación democrática. Os campos están perfectamente delimitados: Democracia vs. Liberalismo.

A sociedade, coa súa participación á calor da Folga Xeral do 29S, sentenza que hai unha saída progresista á crise. Zapatero debe rectificar, depende do seu reencontro coa esquerda social, política e sindical.

Enlace a Galicia Hoxe

Impostos

Anda o Sr. Taguas – hoxe presidente da gran patronal da construción, Seopan – moi preocupado pola fiscalidade das rendas do traballadores. Di que é unha das maiores da UE e que deberíase simplificar o IRPF. Tamén, afirma que os impostos desincentivan a acumulación de capital das rendas altas. É dicir, realmente o interese do Sr. Taguas está en que non quere que os ricos paguen impostos.

O que pasa realmente é que fundamentalmente son os traballadores e os sectores máis modestos das clases medias, os que soportan a carga fiscal española en exclusiva. É de supoñer que a Ministra Salgado, na súa presentación do proxecto de Orzamentos Xerais do Estado, o terá tranquilizado. No mellor dos casos, o Sr. Taguas só pagará uns trinta euros adicionais por mes. Tomarlle o pelo á xente pode resultar contraproducente.

Unha fiscalidade verdadeiramente progresiva, solidaria e con carácter redistributiva son o eixo das políticas de esquerda. Quizais, a Ministra Salgado debera ser tan belixerante coa rendas altas e na loita contra a fraude fiscal, como o é contra os traballadores, a través das súas erróneas políticas neoliberais.

A orixe da crise foi o traspaso de rendas do traballo a rendas do capital. Os traballadores reduciron a súa capacidade de compra contraendo o consumo, e as rendas altas para manter a taxa de beneficio investiron na Bolsa en operacións especulativas, que acabaron rebentando nas diversas burbullas financeiras.

En fin, pobre Sr. Taguas que tantos impostos paga.

Enlace a Galicia Hoxe