Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Miguel Romero e a reconstrución da esquerda

O 28 de novembro de 2006 tiven a ocasión de compartir mesa – nun acto conxunto entre Fuco Buxán e Acsur – con Miguel Romero. Creo que foi Silvia Chocarro, hoxe na UNESCO, quen doume a primeira pincelada sobre el. Un dirixente histórico da LCR, agora sei que con previo paso polo Felipe.

Tivemos ocasión de compartir varias horas de conversas. Acabamos falando tamén da necesidade de que todas as expresións políticas que estiveron na loita contra o franquismo e na Transición fixeran o seu propio relato da memoria histórica, porque todas elas formaban parte do patrimonio colectivo do conxunto da esquerda. Leo con atención as recentes palabras de Miguel, que hai xa un grupo de xentes que anda preparando materiais sobre o que significou a Liga. A min colleume tarde, pero lembro o impactante que eran os carteis da LCR, creo que debín coller basicamente as campañas do referendo anti-OTAN, onde eu puiden participar como apoderado da Plataforma polo Non nas mesas de votación, chegado ademais aos meus dezaoito anos, en 1986.

Acabo de ler o artigo que publicou en Viento Sur sobre a súa conversa rota co Daniel Bensaïd, recentemente desaparecido. Neste artigo hai moitas reflexións que compartimos; resulta moi interesante a reelaboración política que fan de Gramsci, a reelaboración do Bloque Histórico, do concepto de hexemonía e de que os conflitos de clase seguen a ser o eixo vertebrador dun discurso e dunha praxis de esquerda transformadora, á marxe de que a clase obreira teña que compartir protagonismo cos diferentes movementos sociais.

Seguir lendo

Tras Grecia, nós

Agora resulta que os “malos” deste melodrama chamado “crise económica” son os gregos, por mor dunha dereita local que falseaba as cifras macroeconómicas do país. Máis poucas voces apuntan que o principal problema foi que ante un desigual reparto da carga fiscal (basicamente pagan so os traballadores), unha enorme fraude fiscal das rendas altas e empresariais, un sistema económico corrupto e un raquítico Estado de Benestar, levaron a que o anterior goberno de dereitas – coherente coa súa deriva neoliberal – decidira aumentar a súa liquidez económica en base ao endebedamento a través de bonos, que foron a parar á banca europea, especialmente alemá e francesa.

E a banca europea, a través das súa axencias de cualificación dedícanse a especular co intento de aumentar a rendibilidade dos xuros impostos aos gregos. Fronte a isto, Papandreu esquece a súa promesa dun programa social asumindo as erróneas propostas neoliberais sobre a redución do déficit, cando este é fundamentalmente nos poucos ingresos do Estado vía impostos directos progresivos. A chamada “austeridade” no gasto público e na redución de salarios van traer un nova contracción no consumo e na produtividade, implementando así a crise económica e a destrución de emprego.

Loxicamente, a poboación de Grecia mobilízase porque non están dispostos a pagar unha crise e unha débedas que non son súas. A pregunta a responder é como cando o que falla é dun xeito clamoroso o modelo económico especulativo e social da dereita, precisamente esta pode acabar sendo a beneficiaria dunha saída reaccionaria, onde as esquerdas – e polo tanto – os cidadáns andan confusos.

Fronte a unha Unión Europea gobernada pola dereita, cun Banco Central e de España ao servizo do neoliberalismo, temos a necesidade da solidariedade co pobo helénico. En Grecia están a aplicar un programa de recorte brutal do nivel de vida, de calidade dos servizos públicos e de calidade da democracia, que algúns piden para Portugal, Irlanda e Rajoy , Aznar e o FMI reclaman para España, xa que nos falta “disciplina”.

Estes catro países serían un primeiro ensaio desa proposta de liquidación do que se veu en chamar o “Modelo Social Europeo” a cambio dunha hexemonía reaccionaria cara a unha ditadura do capital: privatización entre outros dos servizos educativos, de saúde, da auga, ruptura do marco legal da negociación colectiva, atraso da idade de xubilación e un sistema privado de pensións. Expulsión da maioría da poboación dos procesos de integración política; cidadáns e democracia covardes fronte ao poder patronal e financeiro.

Si de verdade queremos saír da crise, en términos democráticos debéramos empezar con algo tan simple, e que non sería moi custoso: a supresión da Bolsa. Os especuladores non terían moitas cartas coas que xogar.

Solidariedade co pobo de Grecia, xa que isto na práctica é unha solidariedade con nós mesmos. Cando vexas as barbas do veciño…

Ante un Primeiro de Maio diferente

A pesar de que forma parte da tradición do movemento obreiro e das forzas progresistas, a celebración deste 1 de Maio de 2010 celébrase nun contexto, que cando menos, é diferente aos dos últimos trinta anos. Máis, parece lembrar á importancia histórica de aqueles primeiros que foron unha acumulación de forzas a prol da emancipación da clase obreira, e que en España alumeou á Segunda República.

Indubidablemente, o que fai este Primeiro de Maio diferente, é que vén inmerso dentro dunha grave crise económica similar en moitos aspectos á dos anos trinta do século pasado. Os anos da Gran Depresión, e que ante o avance do movemento obreiro socialista (como así o chamaban Marx e Engels), á dereita apostou polo apoio aos diversos fascismos, negándose ao avance da democracia e dun reparto máis xusto da riqueza (p.e. Churchill era un admirador de Mussolini).

Estamos inmersos nunha crise económica – social por mor das políticas neoliberais. O trasvase de rendas do traballo á rendas do capital provocou por unha banda unha contracción do consumo da maioría da poboación; e pola outra, a dereita económica necesitada de sacar maior beneficio económico da sobreacumulación financeira apostou simplemente pola especulación bursátil.

Tras a marcha de Pedro Solbes, o Partido Socialista parecía pretender pechar a etapa dunha política económica que no fundamental recibía o aplauso dos sectores bancarios e especulativos deste País. A introdución de incentivos económicos e políticas de gasto social debera ser o inicio dunha nova política económica de tipo keynesiano, que cando menos, debera servir para amortiguar a crise nos sectores máis desfavorecidos. Hai que ter en conta que a solución á crise económica pasa, simplemente, por unha aposta económica e social radicalmente democrática, en términos clásicos, postcapitalista e verde.

Ten razón Gaspar Llamazares cando plantexa que a esquerda no seu conxunto perdeu a hexemonía, e que son os valores da dereita os que están condicionando á sociedade. Só así, pódese entender que cunha crise histórica do modelo social da dereita, esta poida acabar sendo a beneficiaria final.

A presión política e ideolóxica da dereita sobre o Goberno Zapatero abre unha morea de incertezas. Non sería de acuse que a saída á crise a pagaran, única e exclusivamente, as clases traballadoras e medias, fundamentalmente en materia de emprego e liberdades fundamentais.

Atacar a calidade e estabilidade do emprego é ir contra unha das bases materiais desta democracia imperfecta nacida tras a desaparición do fascismo español en 1978. A dereita consciente da desbandada do conxunto das esquerdas, e polo tanto, da debilidade crónica dos cidadáns, está a apostar claramente por un retroceso democrático. E o emprego, o mundo do traballo, segue a ser o eixo fundamental sobre o que toda transformación democrática da sociedade hai que incidir. Sen democracia nas empresas, a democracia na sociedade é fráxil e de baixa calidade.

Seguir lendo

Socialismo provincial

Acaba de celebrarse o primeiro Comité Provincial dos Socialistas da Coruña, pechando así os seus procesos orgánicos, en camiño ás municipais do 2011. Eleccións dunha importancia vital – case histórica – por desenvolverse en medio da actual crise socio – económica e antesala das eleccións xerais do 2012.

Deste Comité socialista hai que salientar tres cousas. A presenza como Presidente provincial do Ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, é unha proba de que está emerxendo cun papel protagonista dentro e dende a política galega. Conecta facilmente coas bases socialistas e co resto dos cidadáns. Ten unha mensaxe socialista e galega coherente e convincente.

A segunda, é o que o secretario xeral Salvador Moreda vén a chamar o rearme ideolóxico socialista. Si, pero é necesario ir máis alá da mera reivindicación histórica do papel da Socialdemocracia na construción do Estado de Benestar. Esta necesita recuperar os discursos postcapitalista, verde e da unidade da esquerda; radicalmente democráticos. Refundarse.

A terceira. Fronte ás dúbidas, a novidosa estrutura provincial – que vén dada pola recentralización habida no PSOE – terá que demostrar a súa idoneidade. O galeguismo nace a mediados do século XIX como rechazo ás provincias. E alguén tiña medo que unha nova Xunta de Galicia socialista fixera causa común federalista cos cataláns do PSC. Será posible un discurso provincial de corte galeguista?