As Caixas de Aforro quebraron pola súa xestión privada. O Estado, é dicir, nós, fumos correndo para salvalas e agora, resulta que van a desaparecer igual. Os responsables da crise queren privatizalas e Zapatero cede. Un bo negocio a conta desta España que está de saldo.
En Galicia, fumos chamados polo noso Presidente in itinere Núñez Feijóo – candidato a suceder a Rajoy – ao exercicio dun patriotismo financeiro pailán, onde senón aplaudías eras un traidor ao país. Os alcaldes das cidades da Coruña e Vigo, enfrontados. Todos os partidos – incluídos todos os de esquerdas – son responsables desta venda de patrimonio público. Xogaron a repartirse o pastel e agora quedaron entrampados da súa dinámica neoliberal.
Onde queda a función social das Caixas, a súa aposta polas xentes e polo propio territorio? Para que a fusión entre Caixa Galicia e Caixanova se acabarán vendidas a un banco privado? Que instrumentos temos os cidadáns para exercer o noso dereito democrático a unha economía produtiva e sustentable?
Necesitamos banca pública. Nacionalizar as Caixas de Aforro. Son patrimonio común dos cidadáns. Hai que parar a voracidade dos tiburóns financeiros, que pretenden tutelar as nosas vidas.
Plan de Axuste. Reforma Laboral. Caixas. Xubilacións aos 70. Negocios lucrativos para os responsables da crise e reparto da miseria para a inmensa maioría. Non nos confundamos… é unha cuestión de democracia. Exercitémola.
(Ler artigo no Diario de Ferrol)