Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Cocido Feijóo

Polo resultado do Consello da Xunta de Galicia celebrado este xoves en Ferrol, parece que a falta dunha festa do cocido como en Narón, aquí sérvelles simplemente con sacar a foto co seu candidato á alcaldía, José Manuel Rey Varela.

Algunhas “novidades” son un Auditorio sen equipamentos ou o anuncio do enésimo plan para os “terreos ociosos” da antiga Astano. En fin, resultados que van de acordo cos orzamentos da Xunta para Ferrol reducidos nun corenta por cento…

Ler máis no Diario de Ferrol

Barómetro

O CIS vén de presentar o seu último Barómetro, onde os cidadáns expresan as súas preocupacións ante a situación económica e non cren que vaia cambiar a curto prazo. O desapego con Zapatero e conxunto de partidos, incapaces de dar respostas aos seus problemas. Opinan que vivimos nun país máis desigual, onde as clases altas teñen bula; e unha vez máis, a maioría dos españois sitúanse na esquerda.

Este barómetro é o resultado da queima dos famosos brotes verdes, coa deriva neoliberal do Goberno socialista a mediados do ano pasado. A ortodoxia e a radicalidade dos conversos á fe dos mercados financeiros, como a Ministra Salgado e o seu Secretario de Estado, o Sr. Campa, explica moi ben a incapacidade do Partido Socialista para recuperar terreo electoral fronte ao PP.

O dogma neoliberal levou a reducir o déficit público en base aos recortes sociais. A entregar as nosas Caixas en vez de criar unha forte banca pública; a reducir a 110km a velocidade para facer fronte á suba do petróleo, produto da especulación oportunista de quen controla o mercado nacional, en vez de nacionalizar estas empresas, necesaria para unha axeitada planificación enerxética e unha redución do prezo dos combustibles.

Agora dende o propio Ministerio de Economía pídesenos que contribuamos aumentado o noso consumo. Mágoa de tantos paus que nos están dando polo camiño: Reforma laboral, recorte das pensións, inflación, paro, atraso da recuperación económica…

Ver artigo no Diario de Ferrol.

Saquear Libia

Si, o Coronel Gadafi debe ser levado ante o Tribunal Penal Internacional, pero non menos que aqueles que andan a preparar a intervención militar en Libia; que basicamente son os mesmos que decidiron a ocupación de Iraq e Afganistán. Todos eles con intereses cruzados coas grandes multinacionais enerxéticas. As mesmas que ata hai pouco saudaban á presenza do goberno libio nos seus consellos de administracións, incluídas as españolas.

Aínda non está claro que pasa dentro de Libia, pero o que xa se sabe é que a chamada oposición son unha parte da propia estrutura do réxime actual que acaba de pactar cos EEUU e as antigas potencias coloniais na zona: o Reino Unido e Francia. A diferencia de Túnez e Exipto, aquí non hai grandes masas cidadás fronte á ditadura.

Ler artigo completo en Galicia Hoxe.

 

Lidia Senra

Fuco Buxán acaba de presentar o libro editado por Laiovento, que Tareixa Ledo ten sobre a emblemática figura de Lidia Senra; que ademais reflicte a historia e intrahistoria do Sindicato Labrego Galego, de como construír unha organización de novo tipo, que ademais participa nun xeito de facer país dende unha postura anti–neoliberal e que racha cos estereotipos que hai do noso agro, incardinado no empoderamento das súas mulleres.

A cercanía a estas dúas mulleres, permite testemuñar de primeira man que a imaxe mítica de Senra, está de acordo coa realidade e no reflectido neste libro. Un liderado democrático, integrador, que comparte ideas, proxectos, poder e capacidade de codecisión fronte aos hiperliderados excluíntes.

Hai tamén no discurso de Senra e do SLG unha aposta transversal, que busca a nosa complicidade en temas tan dispares como a loita feminista, a solidariedade cos pobos, a soberanía alimentaria ou a loita contra a privatización dos recursos naturais; como exemplo a pretensión da actual Xunta de Galicia de expropiarnos as nosas augas para converter este ben público estratéxico nunha simple mercadoría con prezo e exportable segundo os intereses dos especuladores. Algún día tamén pretenderán expropiarnos o aire que respiramos.

En todo caso, o futuro dunha nova esquerda e de como seguir a construír país, depende moito da capacidade de criar liderados entrañables como o reflectido pola ex secretaria xeral do SLG.

Enlace a Diario de Ferrol

Enlace a Galicia Hoxe