O CIS vén de presentar o seu último Barómetro, onde os cidadáns expresan as súas preocupacións ante a situación económica e non cren que vaia cambiar a curto prazo. O desapego con Zapatero e conxunto de partidos, incapaces de dar respostas aos seus problemas. Opinan que vivimos nun país máis desigual, onde as clases altas teñen bula; e unha vez máis, a maioría dos españois sitúanse na esquerda.
Este barómetro é o resultado da queima dos famosos brotes verdes, coa deriva neoliberal do Goberno socialista a mediados do ano pasado. A ortodoxia e a radicalidade dos conversos á fe dos mercados financeiros, como a Ministra Salgado e o seu Secretario de Estado, o Sr. Campa, explica moi ben a incapacidade do Partido Socialista para recuperar terreo electoral fronte ao PP.
O dogma neoliberal levou a reducir o déficit público en base aos recortes sociais. A entregar as nosas Caixas en vez de criar unha forte banca pública; a reducir a 110km a velocidade para facer fronte á suba do petróleo, produto da especulación oportunista de quen controla o mercado nacional, en vez de nacionalizar estas empresas, necesaria para unha axeitada planificación enerxética e unha redución do prezo dos combustibles.
Agora dende o propio Ministerio de Economía pídesenos que contribuamos aumentado o noso consumo. Mágoa de tantos paus que nos están dando polo camiño: Reforma laboral, recorte das pensións, inflación, paro, atraso da recuperación económica…