Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Isaac

E non quería pasar as datas sen citar a Díaz Pardo. En Isaac hai unha biografía intachable, porque acertou a elixir un fondo compromiso social e ser o derradeiro depositario dos bos e xenerosos, que tiveron un tráxico destino pola negra sombra de 1936.Dedicatoria-Isaac

Hai sete anos, os ferroláns tivemos a honra de poder organizarlle unha homenaxe de ámbito galega, coa implicación de todo o tecido asociativo, político, sindical e empresarial de importancia. Foi grazas á Asociación Cultural Fuco Buxán, da que o propio Isaac é un dos seus socios de honra.

Permítanme, dicir que un ten a sorte de estar, dende o comezo fundacional, desta última entidade. Son consciente do traballo desenvolvido dende alí, que permitiume coñecer de preto a Díaz Pardo. Del gardo un exemplar do libro editado por Fuco Buxán para a ocasión e con el, a dedicatoria de man do propio Isaac. Mil grazas.

Enlace web a Diario de Ferrol.

Miscelánea

O tempo dirá se, a asemblea de onte, é a máis importante das últimas décadas para os traballadores de Megasa. Acontece isto por un exemplo claro de como o dereito de propiedade -que sempre debe estar supeditado ao interese xeral- vulnera os dereitos laborais. Como diría Bensaïd a propiedade duns poucos é a desposesión dos demais.

O PSOE ten unha oportunidade en Podemos, se aparta a quen o ata ao pasado inmediato da crise. Estou cos socialistas gregos integrados en Syriza e porque cambiemos o mundo de base. O camiño das esquerdas está na súa unidade, programa e hexemonía.

Engado á miña biblioteca o “Alabardas” de Saramago. A novela que el non puido rematar. Isto déixanos a posibilidade de ir quizais polos mesmos camiños do portugués. Ser o Artur Paz Semedo que busca a verdade da fábrica de armamento e das súas reflexións sobre o lado escuro da política.

Enlace web a Diario de Ferrol.

Megasa incumpre

Megasa181214

Esperábamos un nadal en paz, crendo que o peor xa pasara. Pero, Megasa quere deixar un mal regalo de reis. Desde a xerencia din que lle “sobran” 47 empregos. Que todos os esforzos destes anos dos seus traballadores, Concello e da propia veciñanza non serven para nada.

A dirección pretende sacar fóra de Xuvia as negociacións sobre o despedimento colectivo e da modificación das condicións de traballo. Os motivos: evitar a presión social. Non queren nin luz nin taquígrafos. Non queren que se lles lembren as súas débedas cos traballadores e co propio Concello de Narón.

Megasa incumpre. Onde queda a promoción económica de Narón? E para cando o reparto dos longos beneficios, habidos incluso en plena crise económica? Defender o emprego contra á precarización. Estes son os obxectivos, hoxe pola mañá, dos traballadores diante da Casa do Concello de Narón.

Enlace a Diario de Ferrol (Columna xa semanal “Letras de Cambio”).

Capacidades

Fagamos unha breve reflexión sobre como lles están a afectar os recortes sociais ás persoas con discapacidade. Máis, se defendemos a igualdade de oportunidades para todas as persoas. Están as administracións a investir en políticas activas a prol da súa saúde, traballo ou mobilidade?

Consideramos que Ferrol é accesible para toda a cidadanía? Estamos a eliminar as barreiras físicas para facilitar a libre circulación? Cantos edificios, que dende hai dúas décadas teñen a obriga, dispoñen dun acceso axeitado? O Concello está comprobando as nosas beirarrúas e o acabado das novas obras? E, mentres, como garante o paso?

Neste mundo das redes sociais, están as administracións fomentando a súa integración? Sinceramente, con estas políticas que promoven a selva, os dereitos da nosa Constitución están sendo violentados gravemente para a xente con discapacidade.

Enlace web a Diario de Ferrol.