Rey Varela será alcalde grazas á desafección dos electores de esquerdas ás listas progresistas. Entrementres, a determinados membros da executiva socialista ferrolá faltoulles tempo para aparecer nos xornais, transmitindo que son as ambicións dalgúns para “apañar cacho” o único que queda da derrota. Evidentemente, somentes filtran aquilo que lles interesa; e non que este pasado xoves Rosa Méndez presentou a súa dimisión como membro de dita executiva.
Quizais, sexa porque Rosa lles está chamando novamente á orde: que non todo vale en política, que o persoal non está por diante do colectivo. Quizais sexa tamén porque ela encabezou o “votemos non” á lista imposta na última asemblea de afiliados. E quizais, porque sabíamos que, se ben a xestión da crise ía condicionar os resultados electorais, só dende unha campaña municipalista e presentando unha candidatura crible ante os cidadáns, Ferrol podía seguir sendo socialista. Como contrapunto, aí están os resultados de Ares, As Pontes ou Vigo.
É posible tamén que as voces irresponsables que velozmente filtran o que lles interesa, instrumentalizando á prensa en beneficio propio, non desexen que os afiliados socialistas que están na súa casa tomen nota. Non vaia ser que decidan tamén chamar á orde á maioría desa executiva, e asistan masivamente ás asembleas a expresar a súa indignación.
Que hai de socialista no ruído? Onde está o proxecto de cidade ou a vía democrática ao socialismo?
Ver artigo no Diario de Ferrol.