Os nosos areais

É certo que son medidas impopulares na veciñanza daqueles concellos sen praia. Pero, existen en moitos lugares – desde hai anos – pretendendo ser un freo á masificación das praias e dos seus contornos naturais. Si, ter zona de aparcadoiro reservado á poboación censada é unha forma de populismo. Mais, quen pode defender que as diversas poboacións locais non teñan acceso aos areais que teñen a carón das súas parroquias ou barrios?

Nos últimos anos están a chegar, cada vez máis, un maior número de turistas. Quizais vai sendo hora de pensar que tipo de negocio queremos, o que é obvio é que non queremos turismo de botellón, como así xa pasa en determinados concellos do sur de Galicia. Quizais, a nivel comarcal, este sexa un bo asunto para tratar conxuntamente polos nosos alcaldes e alcaldesas, intentar consensos e a integración dos intereses de toda a veciñanza de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/os-nosos-areais/20200715002516284567.html

Ferrol – La Rochelle

Vemos como a recente visita das concelleiras de Turismo e Patrimonio Histórico, Mayte Deus e Eva Martínez, á localidade francesa da Rochelle, para participar no proxecto europeo MMIAH, trae novas moi interesantes para traballar a prol do desenvolvemento de Ferrol no eido da promoción e da recuperación do patrimonio marítimo, militar e industrial e cunha serie de medidas que van a axudar a promover o Camiño Inglés e á recuperación do valor urbanístico da Magdalena, A Graña e Ferrol Vello.

Liderar e darlle un impulso a este programa, potenciar o Castelo de San Felipe, ou traballar por recuperar a nosa historia militar e das baterías – que datan do século XVIII en adiante – son cousas que van na recuperación da nosa paisaxe costeira e iniciativas que dan unha visión da potencialidade de Ferrol. Así, non menos importante resulta a reformulación, tan demandada, da Empresa Municipal de Turismo.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/ferrol-la-rochelle/20191016230436266729.html

Ferrol na rúa

Alégrome de que Ferrol teña na Semana Santa as rúas cheas de xente de aquí, de alá e de moito máis lonxe. É bo para a cidade e amosa que si é posible outra dinámica moi afastada do solpor a que nos teñen acostumados determinados políticos e determinados vellos grupos de presión locais.

Para acerto da cidade a suposta cuestión relixiosa, afortunadamente, non esmaga estes días. De feito, creo que o xeito inclusivo vén de que é máis un evento cultural, moi afastado da vella imposición e do control de masas de tempos pretéritos.

Así, á propia Semana Santa súmase unha ampla oferta gastronómica, de ocio e o noso entorno cultural e natural. Iniciativas saídas do propio tecido cidadán. Obviamente, as propias confrarías, ese sector emerxente da nova hostalería ou esas tan aplaudidas como a da Ruta Naval. Imaxinan ter unha empresa municipal que soubera das fortalezas turísticas de Ferrol?

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/ferrol-na-rua/20190417205720254417.html

De costas ao tren

Escoitei na radio a un voceiro da Plataforma de Defensa do Tren Ferrol Ribadeo. Amosaba as críticas de como se mal xestionou a liña de Feve. Con numerosas incidencias, avarías, esperas e transbordos a buses, con redución de revisores e servizos cando maior era a demanda este verán. Falaba dunha “clara intencionalidade de molestar e expulsar aos usuarios”, dun auténtico boicot.

A administración, RENFE e Adif teñen a impresión de que o “tren da costa” é unha extravagancia, que non é rendible e que non paga a pena. Ademais, pretenden xestionar este tren, basicamente rural, como se fose o metro de Madrid, de aí a súa teima en reproducir o sistema de mallas pechadas entre paradas. Son incapaces de ver o carácter estratéxico para Galicia e o norte de España, incapaces de ver o seu potencial para o desenvolvemento sostible do territorio, do patrimonio natural e cultural e para un turismo de calidade.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/de-costas-ao-tren/20180913001351236876.html

Ferrol en Fitur

Toca facer balance da presenza de hai uns días de Ferrol na Feira Internacional de Turismo, considerada a segunda máis importante do mundo. Pero a evidencia é que as cousas non foron como parecen que tiñan que ser, nin como desenvolveuse a presenza institucional, nin o propio programa que, a bote pronto, parecía máis para cubrir expediente ás présas. Sería bo que alguén explique se, como parece, é necesario facer unha proposta moito máis ambiciosa.

Que nin estean as diferentes rutas do turismo naval, ou que se deixara fóra a promoción da candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial, a diferenza doutras propostas que tamén hai en Galicia, non parece o máis atinado. E así, con máis propostas. Igual Ferrol necesita tamén cambios neste eido, un plan que integre todas as nosas potencialidades e cambios na xestión dunha xerencia de Turismo que necesita empaparse do devir da cidade.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/ferrol-en-fitur/20180125005916214354.html