Construír en Ferrol

A ninguén estraña que a reurbanización do antigo “Sánchez Aguilera” estea no aire. A falta de dilixencia – supoñendo que sexa isto – por parte do Concello de Ferrol, sérvelle ao Instituto da Vivenda de Defensa (Invied) para buscar novos emprazamentos, para os compromisos coa cidade do Ministerio presidido por Isabel Rodríguez.

A cidadanía é plenamente consciente de que, esas nove hectáreas, son especialmente desexadas polo sector privado da construción. Así, as circunstancias deste asunto xeran unha enorme desconfianza. Agora que todos os ollos da cidade están, outra vez, sobre a peza máis importante do famoso “Convenio de Defensa”, veremos se isto resólvese neste ou no seguinte mandato municipal.

A maiores, a Xunta de Galicia declarouse insubmisa na aplicación da lei estatal de vivenda e, ao longo dos anos, incluso con gobernos de diferente cor, o certo é que tanto o organismo público de vivenda de Defensa, como a Sareb, entenderon a xestión non como un servizo público, senón cun criterio máis propio de empresas privadas.

As contradicións abertas nesta xestión, por parte de todas as administracións e organismos públicos, son manifestas incapacidades para satisfacer as necesidades da cidadanía.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2025-10-15/construir-en-ferrol-811793.html

Pactar o Sánchez Aguilera

Estaría ben deixar os titulares da prensa aos periodistas e que os partidos locais fixeran, precisamente, iso: política. É dicir, diálogo e acordo. Si, Ferrol merece un pacto de cidade. E a estas alturas o futuro do antigo Sánchez Aguilera non pode seguir sendo, pouco máis, que un faladoiro de café.

Quizais non veña mal lembrar que o “Convenio de Rey Varela” segue a ser o feito en tempos do alcalde Vicente Irisarri cun par de engadidos. Que seguirá a ser a administración estatal o principal inversor na reurbanización do Sánchez Aguilera e que se non fora porque é unha “herdanza” negociada polo anterior goberno local socialista, seguramente o Partido Popular nada tería. Máis tendo ao alcalde como senador nun grupo que está radicalmente enfrontado ao goberno de coalición progresista de España.

E todos sabemos dos cambios de cor política cada catro anos no goberno local. De feito, de ter sido o 9 de xuño municipais, habería maioría de socialistas e nacionalistas… A cidadanía sabe que a reurbanización completa, e toda a influencia que vai ter para Ferrol, é para varios mandatos. Sería bo que a actual maioría absoluta de goberno e a oposición pactaran o seu futuro. Ferrol únenos a todos.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/pactar-sanchez-aguilera-4878242

O convenio de Rey Varela

Cando un problema leva trinta anos sen solución, igual debéramos pensar que xa toca. Que seguir mareando a buxaina abonda e, que incluso, é mellor un acordo que non satisfaga a todos, pero que resolva dunha vez o asunto. Xa non estamos en tempo de tormentas de ideas, máis cando todos os partidos pasaron polos diversos gobernos locais de Ferrol. Seguir danzando co mesmo é sinónimo de incapacidade, cando menos para o conxunto da cidadanía.

Por iso, acerta o alcalde Ángel Mato cando non lle cambia nin unha coma ao famoso “Convenio de Defensa”, asumindo o que deixara feito o líder da oposición José Manuel Rey Varela. Si, os tempos son chegados. E, por estas cousas raras que ten a política local, a cidadanía está a espera de que este último asuma a súa responsabilidade para darlle xa un final a unha necesidade estratéxica de Ferrol de reordenar o centro da cidade, por estar por medio o “Sánchez Aguilera”.

O líder da oposición, máis atento á vindeira cita electoral e preso dun PP galego sen xefe tras a marcha de Feijoo, terá moito que contarlle ás ferrolás e ferroláns. Na memoria a perda que el provocou de case dous millóns de euros para remodelar a primeira milla da Estrada de Castela. E agora?

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/convenio-rey-varela-4127905

Nin compensación é

Si, para moita xente moza de Narón vir hai trinta anos a Ferrol foi unha aposta pola liberdade, con acceso ao que facía mellor a vida e onde -supoñíamos- resólvense as cousas do día ao día. Co tempo aprendimos que iso non era así, que en Ferrol hai debates que non damos pechado. Esto vén a conto polo “breve” publicado, onte neste xornal, cunha foto de Daniel Alexandre.

Están a tapar os furados do aparcadoiro do Sánchez Aguilera, quizais como unha especie de compensación á cidadanía. Levamos décadas a voltas co convenio con Defensa, esta parcela é clave para a nova anatomía de Ferrol. Urbanización dun espazo central que comunica os ensanches e Santa Mariña co centro. O “futuro” retranqueo de Renfe e Feve, a Estación de Autobuses. É preferible un mal acordo a seguir a pasar, imprescindible o consenso político local. Un erro xogar a electoralismo de curto voo indo ao Congreso por libre.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/nin-compensacion-e/20181219211957243812.html