Os partidos, especialmente se gobernan, son estruturas moi complexas. Iso fai que nas cousas esenciais, como na formación das candidaturas, non valga simplemente cunha maioría mecánica; sobre todo se esta non é produto dun proxecto político cohesionado ou dunha visión compartida de cidade.
As candidaturas non son uns caiucos con indocumentados á procura do seu El Dorado particular. E a política non é un singular xogo da oca, no que un pode ir alegremente de cadeira en cadeira. Pola contra, o compromiso cos electores e coa cidade son os eixos de todo programa político que pretenda ser hexemónico, e ademais transformador.
De aí que a palabra necesaria sexa a de consenso. Produto do acordo co candidato á alcaldía e desa necesidade de aglutinar ao conxunto do partido. Isto non só porque o digan os Estatutos, senón porque é de sentido común. Esa é a tradición democrática, esa é a tradición socialista; así como unha necesidade imperiosa para unha cidade como Ferrol.
A Agrupación Socialista de Ferrol ten a posibilidade real de ser o eixo dun novo Goberno de Progreso nas eleccións do 22 de maio. De revalidar a súa boa xestión deste catro anos.
Ninguén, por moito que pareza emular a Sarah Pallin – e que debera analizar as causas dese fortísimo deterioro da súa imaxe pública – ten dereito a converter a este partido nun lugar inhabitable para os seus militantes, nin moito menos, insufrible para os seus votantes. O camiño da esquerda é claro: consenso.
Ver artigo no Diario de Ferrol.
Os socialistas ferroláns achéganse aos xornais con temor, conscientes de que a ambición descontrolada de algunha persoa está a converter a vida interna e municipal nun auténtico folletín, que por entregas interesadas vanse entregando á opinión pública, poñendo en risco a Alcaldía e a posibilidade dun goberno de esquerdas alá en maio de 2011.