O mercado de Caranza

A xente do mercado de Caranza debe estar cansa de tanto esperar, de tantas palabras baleiras, de tantos anos. Pero, o certo é que a xerente de Urbanismo -nas recentes xornadas do Foro Ferrol Vivo- falaba de que xa estaban os pregos da licitación e que esta remodelación parcial ía para oito meses, de ser así van a estar moi apurados desde o actual grupo de goberno para poder inaugurar o novo mercado, se non queren coincidir coas novas eleccións municipais, datas prohibidas para eses faceres.

A esta primeira fase, terá que vir outra máis que, en verdade, converta a eses quince mil metros cadrados nun elemento central e aglutinador das actividades comerciais, de servizos, deportivas e socio-culturais que complemente Caranza, así recollido como tal no actual PXOM. Agora vai a reorganización interior dos postos do mercado e o seu equipamento adecuado ás novas necesidades, montacargas de servizo e a mellora do acceso peonil e un ascensor desde a avenida de Castelao… Unha boa nova.

Enlace a Letras de Cambio (Diario de Ferrol).

O botánico do Montón

O mandato do alcalde Vicente Irisarri foi quen de poñer a andar o xardín botánico, situado na península do Montón. Máis de mil douscentos árbores de cincuenta e oito especies catalogadas pola SGHN. Seguramente, un gran descoñecido para a inmensa maioría da cidadanía de Ferrol, e agora, unha década despois corre un grave risco de deteriorarse e ter danos irreparables polo simple feito de estar abandonado.

Así, e tal e como quedou claro nas xornadas sobre o barrio de Caranza, organizadas polo Foro Ferrol Vivo en colaboración coa asociación de veciños e outras entidades, necesita dunha actuación urxente. De aí que a presidenta veciñal reclame unha primeira inversión de cen mil euros, necesarios para volver a poñerlle as portas e o enreixado, frear as “okupacións” e iniciar unha recuperación integral de ese espazo, que está chamado a ser un dos grandes pulmóns de Ferrol, de ocio e deporte.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/o-botanico-do-monton/20180705000213230574.html

É posible

O futuro non está escrito, constrúese día a día. Por iso é tan importante que unha plataforma cidadá como o Foro Ferrol Vivo sexa capaz de xuntar aos últimos cinco alcaldes da cidade, apoiando a candidatura a Patrimonio Mundial ante a UNESCO. Hai que agradecerlles a Xaime Bello, Juan Juncal, Vicente Irisarri, Rey Varela e a Jorge Suárez que traballen xuntos. Deste xeito trasládase unha mensaxe unitaria que reafirma o colectivo.

É posible un pacto por Ferrol. Así o propón o Foro, así o referendarán os nosos alcaldes este sábado a media tarde no Antigo Hospicio. Evento que contará tamén coa participación da voceira da entidade Eva Martínez e será conducido pola tamén xornalista Puri Rodríguez. É esta unha invitación -a toda a cidadanía e ás súas institucións- a traballar a prol dunha cidade inserta na modernidade, orgullosa do seu e onde as causas colectivas convértenos nun Ferrol vivo.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/e-posible/20180117225953213723.html

Sumando sinerxias

A pesar de intereses particulares que queren amolar, a costa de provocar unha escura cidade, non poderán con nós. Hai quen está empeñado en facer mal as cousas, pero outros seguiremos empeñados en abrir as fiestras para que o aire fresco inunde as nosas rúas, barrios e parroquias. Somos unha cidade viva, rebelde, produto do racionalismo da Ilustración, do modernismo de Ucha e da loita das súas xentes.

Cada cidade é un xeito de entender a vida, por iso temos dereito a decidir que Ferrol queremos. Por iso, son tan importantes encontros como os da semana pasada no Antigo Hospicio, sobre a reinvención de cidades atlánticas tras as súas crises, organizada polo Concello, ou a organizada polo Foro Ferrol Vivo en Ferrol Vello, e que fixo unha radiografía e propostas para a recuperación integral do barrio, entrada natural á cidade. Sumemos as sinerxías de toda administración, de todas e todos nós.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/sumando-sinerxias/20171012001615205230.html