Libres

Permítanme un apunte. Onte había unha morea de xente nova por Ferrol, saídos da convocatoria do Sindicato de Estudantes e da plataforma Libre e Combativas, contra o machismo e pola educación sexual nos centros de estudio.

A finais dos anos oitenta do século pasado, outros sairon de aquela pola defensa do ensino público e para obrigar á Xunta á construción de novos institutos que fixera fronte ás necesidades existentes. Algúns pasaron pola primeira Coordinadora de Estudantes de Ferrol e, case un chisco despois, xa plenamente polo Sindicato de Estudantes.

O que está a acontecer, con estas novas xeracións, é a plena incorporación dun feminismo que ten interiorizado -que sentar as bases dunha plena igualdade- require cuestionar tamén a sociedade de clases, que non vale cunha simple achega de mulleres a postos directivos e que van reproducir os roles dos seus colegas. Si, libres e combativas.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/libres/20181115011335241616.html

Arredor dun café

Ás veces, vén ben tomar un café con amigos como Fernando que veñen de lonxe acompañándote. Aínda que quen mire desde fóra poida achacarnos xa “entrar nunha idade difícil”, pero non deixa de ser interesante que este amigo, cun vínculo especial coa Graña, comparta contigo a súa visión deste singular barrio de Ferrol.

Ver como, coa a escusa da crise, o Sergas levou por diante o seu centro de atención primaria, cando hai unha alta poboación maior, que agora ten que baixar obrigada a Serantes, sen ter unha liña de transporte público directa e axeitada. Acostumados a ter de aquela, ademais, a un médico tan mediático e hiperactivo -e agora en Narón- como Carlos Piñeiro.

Pero, non parece que no mundo feliz de Feijóo os responsables dos recortes pretendan devolver dereitos e servizos á cidadanía, máis cando están a idear unha maior precariedade cun aumento de médicos itinerantes e a todo filispim.

https://www.diariodeferrol.com/content/print/arredor-dun-cafe/20181031220136240527

Incendiario

Quería preguntarlles se consideran que a letra dunha canción pode reflectir vivencias propias? Séntense interpelados cando oen cousas como o que canta Robe Iniesta? “Todos din que son un incendiario, que acendo fogueiras só con falar”. Pero, tamén din que a verdade fainos libres fronte a aquelas e aqueles que queren impoñer un relato falso. Mais, xa non son tempos para a lírica, por iso repitan comigo: négome a pedir desculpas.

Si, négome a pedir desculpas e máis ante aquelas e aqueles que pactan contra Ferrol. Si, digan comigo: négome a pedir desculpas por ser coherente e esixir que os nosos partidos sirvan para o ben común. Digan comigo: négome a pedir desculpas por usar a cabeza contra todos os muros que pretenden illar a ese Ferrol vivo que queremos con paixón, que xa pode haber sentenzas do Supremo ou do Federal US, que faremos de Ferrol unha cidade libre e moderna para o combate da vida.

https://www.diariodeferrol.com/content/print/incendiario/20181024235722240063

A enquisa do CIS

Para unha vez que quérenme facer unha enquisa do CIS quedei coas ganas. A entrevistadora buscaba un elector varón duns vinte e cinco anos, e hai tempo que ese perfil quedoume un chisquiño, pero só un chisquiño lonxe. Quedei coas ganas de saber cómo lle fóra o día e a cantas persoas visitara, cómo se distribuía a xente por idades e sexos, cómo ían os desencontros das e dos ferroláns cos seus partidos de referencia.

Porque estarán conformes comigo que, tal e cómo se anuncian, as próximas municipais de maio de 2019 van a estar moi concorridas. Non che sei se haberá papel para tanta candidatura. A saber, pola dereita: PP, Cidadáns, Coalición de Centro Democrático, Vox, Jubilados e Sentimento Ferrolán. Pola esquerda: Partido Socialista, FeC, Compromiso, Actúa, Marea de Ferrol e BNG. Seguro que me queda algunha sigla polo camiño. Eso si, maioría absoluta eu non a vexo por ningures.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/a-enquisa-do-cis/20181011001331239178.html

Resistan

Si, resistan. Non fagan caso dese ruído de fondo que, por momentos, danos dor de cabeza. Ferrol non vai esmorecer, porque temos dereito a ser felices e a identificarnos con esta cidade. Fagan caso, resistan. Que nada lles achique o día, nin os anos que nos pasan por riba e non de balde, nin as dificultades persoais ou colectivas. Nin as novas dos medios de comunicación que parecen repetirse. Sexan positivos.

Alégrense por vivir nun lugar especial, cunha historia única, con enormes posibilidades de futuro. Sigan a desfrutar deste tempo, póñanlle música á vida, vida ás rúas. Saquen os seus móbiles e tiren fotos, hai lugares a esgallo por toda a cidade que ben vale o repicar ledo das campás, aí está toda a arquitectura de Rodolfo Ucha que entróncanos co Art Noveau europeo. Apúntese mañá á tarde a esa “perfomance” na Magdalena porque somos xente alegre e porque Ferrol é moderno. Sexan felices.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/resistan/20180927000325238050.html