As Pías

Hai obras que cambian radicalmente unha cidade e a proxectada para a reforma integral das Pías é unha destas. Tamén é certo que vén con varias décadas de atraso. Mágoa que as “cousas de palacio” vaian así. Mágoa que non viñera moito antes, houbéramos aforrado o desastre da praza de España, que só necesitaba mover “O Cabalo” e ter o aparcadoiro, hoxe existente, baixo o edificio da Xunta de Galicia.

Será unha obra que veremos rematada no novo mandato saído das eleccións municipais do 2023. Mais, é consecuencia directa dun compromiso decidido do alcalde Ángel Mato. Seguramente, un dos seus maiores empeños. Unha pegada que calquera quixera deixar e máis nunha cidade tan falta de autoestima. Seremos testemuñas dun novo Ferrol. Dun gran bulevar que conectará Caranza, Bertón, Ultramar, Telleiras, Esteiro e Recimil. Financiado a cargo dos fondos de recuperación Next Generation da Unión Europea.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/as-pias-3497103

10 de Marzo

Nuns días, en Ferrol e a súa comarca estaremos celebrando o cincuenta aniversario de aquel outro 10 de marzo, que tanta dor e feridas deixou. Pero, a pesar desta singularidade e da petición feita por quen estiveron en primeira liña, fronte as balas da represión franquista, non veremos unhas mobilizacións unitarias. Para outros era moito máis importante marcar diferenzas de grupiño e facer unha lectura separada.

Agora que tanto falamos de memoria histórica, de contribuír coa verdade dos feitos ao reforzo da democracia e do estado de benestar, deberíamos facer contas e saber se ter permitido lecturas sectarias, para alimentar un discurso de aqueles que nin estiveron nin se lles esperaba, valeu a pena. E todo por iso de escapar de situacións incómodas por dicir que a verdade histórica foi a que foi. Agochar os problemas e permitir lecturas interesadas só serviron para confundir as cousas.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/10-marzo-3475510

Quince meses

Estamos a quince meses das eleccións municipais e tras o incendio, acontecido na dirección estatal do PP, é evidente que estamos nun novo escenario que vai ter unha influencia determinante. Está por ver se a vella dereita vai ser quen de frear a súa sangría cara aos ultras ou se ben, en Ferrol, vai favorecer o agromar unha candidatura deste perfil antidemocrático.

Desde o goberno municipal vanse anunciando unha xeira de intervencións, moito máis alá dun simple retoque urbano e que vai a cambiar de extremo a extremo a cidade tal e como agora a coñecemos. Mentres, tanto Ferrol en Común coma o BNG quéixanse de que non teñen influencia nas políticas desenvolvidas polo alcalde socialista Ángel Mato. Son as consecuencias directas de quedarse fóra do grupo de goberno. Estar fóra, máis cando a oposición e única alternativa real está liderada por José Manuel Rey e os Populares, éche un mal negocio.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/quince-meses-3456094

A pancarta

Desde os anos oitenta a cidade de Ferrol perdeu unha terceira parte da súa poboación. Cada día estamos máis lonxe das grandes cidades galegas, que máis ou menos van mantendo os seus niveis, e no noso caso nin as subas puntuais, doutros concellos da comarca, compensa esta perda poboacional. Isto trae consigo unha perda de músculo industrial.

Estes días estivo a ministra de Transportes Raquel Sánchez. Desde o seu partido faláronlle dos déficits nas infraestruturas, xentes doutro partido decidiron ir a dar voces cunha pancarta.

Si, cada quen é libre de facer como considere. Pero, os partidos con verdadeira vocación de mellorar a vida da xente, de forxar maiorías sociais, con ambición de goberno non mandan – a un acto – aos seus membros a molestar aos militantes dos partidos que son os teus socios preferentes. Ás veces unha pancarta exhibe as carencias do seu portador.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/pancarta-3418096

A foto

Foto de @jorgemeis para Diario de Ferrol

O día previo ao dos Inocentes, tivemos a visita do vicepresidente Francisco Conde, anteriormente conselleiro de Industria (responsabilidade que foi renomeada para ocultar as competencias exclusivas que o noso Estatuto atribúe ao goberno galego). Diversos axentes sociais estiveron presentes por estar convocados, aínda que eran conscientes de que só tratábase dunha foto.

As grandes achegas poden resumirse en novamente “poñer en marcha” unha oficina territorial da Xunta e reivindicar, outra vez, a zona franca para Ferrol. Facer culpable a Pedro Sánchez da falta das infraestruturas de Ferrol (que foron adiadas pola supeditación do PP á dereita económica da cidade da Coruña), como reivindicar o comezo da fragatas F110 (que sufriron un grande atraso atribuído a intereses persoais do ex ministro de Rajoy, Pedro Morenés). A estas alturas, necesitamos moito máis que proclamas baldeiras.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/foto-3355551