Nicolás Maquiavelo

Ao florentino se lle atribúe de xeito erróneo que o fin xustifica os medios, cando realmente consideraba que estes viñan impostos polas circunstancias. Pero coa análise que fai dos políticos do seu tempo, nace a modernidade. Consideraba -citando a Tácito- que “non hai nada máis feble e inestable cá sona do poderoso non nacida da súa propia forza”. Así pedía desculpas polo feito de que un “home de baixa ou ínfima condición se atreva a reflexionar e regulamentar o goberno dos príncipes”.

Para incidir en que “é máis doado gobernar unha cidade afeita a vivir libre co apoio dos propios cidadáns que de calquera outra maneira, se é que se desexa conservala”, cuestión que vale para calquera tipo de organización. E, tamén, que “un príncipe que teña unha cidade forte e non provoque odio non pode ser asaltado” xunto a que “soamente son duradeiras as defensas que dependen dun mesmo e da propia virtude”.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/nicolas-maquialvelo/20180328231732220880.html

http://www.usc.es/libros/index.php/spic/catalog/book/34

Mexar por fóra

A crise foi usada para desmantelar e hipotecar os servizos públicos e lastrar a remunicipalización de aqueles que foron privatizados. Unha vez na batalla pola súa recuperación, ás arcas e á xestión municipais, hai todo tipo de situacións. Resulta curioso que en Ferrol foi a lea entre as esquerdas o que acabou por bloquear a mesma. Así, esta bandeira, quedou en mans de plataformas nas que substancialmente -é certo- están as mesmas persoas.

Á marxe disto, un bo amigo diríalles que xudicializar a política é un erro de fondo que leva a ningures. Máis, cando non se entende que non traballen pola cuestión esencial e primeira a conseguir das tres forzas da esquerda: uns orzamentos pactados que conteñan estas demandas cidadás. O outro -dito con cariño- é mexar por fóra. Reforza, ademais, a idea dunha vendeta por estar a carón de aquela que non ten ningún problema en pactar coa dereita.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/mexar-por-fora/20180321223509220287.html

Armas

O último pleno solicitáballe ao alcalde que non elimine o aparcadoiro de Armas de 114 prazas. Pero, botando contas no barrio da Magdalena, hai no Cantón 386, na praza de Abastos 196 e na praza de España 638 prazas. O total fan (sen as de Armas) 1220, que úsanse a medio gas. A estas hai que engadir 360 no Porta Nova e as 500 do Sánchez Aguilera, estas poderíanse ampliar en Canido, Esteiro e Ferrol Vello.

Quen fala de manter o aparcadoiro da praza de Armas, simplemente, intenta seguir a atrancar a súa remodelación, primeiro feito imprescindible para despois poder encarar a peonalización da Magdalena? Por favor, non nos fagamos trampas, non impidamos a recuperación do centro de Ferrol. O pleno tiña que ter instado ao goberno a que solucione os problemas que teñan veciños e comerciantes, pero urxindo xa sen demora unha remodelación que debera acabar antes das próximas eleccións.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/armas/20180315004427219711.html

Relevos

Dicía Bensaïd de Marcuse que este consideraba que as clases traballadoras coa súa integración, perderan o seu papel histórico a prol de sectores como os estudantes ou as mulleres. Consecuente, seguramente, coas advertencias de Luxemburgo sobre as dificultades e os perigos de inmobilismo que hai, dado que só é posible reforzar a vontade de cambio dende a loita cotiá dentro dos límites do sistema, a pesar da necesidade de superar esa mesma orde social.

Precisamente, o camiño cara á igualdade e a democracia reais é unha suma de esforzos, así o importante non é o suposto liderado senón saber que este vai de relevos. Por iso, fronte á inercia do relato masculino do Estado e de aqueles que temen perder o seu poder, incluso nos propios sindicatos, a importancia do día oito (ou a do dez de marzo), non reside na nostalxia, senón na renovación e nun relevo que suma a máis da metade da poboación.

Publicado o 8 de marzo no Diario de Ferrol:

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/relevos/20180307231747218952.html

Pensións

O PP non para de meterse en charcos. Non contento con estar imputado en coñecidos casos xudiciais, que poden acabar con sentenzas que o leve a unha situación similar á antiga Convergència, dispara contra todo. Ou ben están nunha burbulla que lles impide ver a realidade ou dan por finalizado o seu tempo. Só así enténdese que agora maltraten aos actuais pensionistas, esquecendo que foi precisamente esa xeración a que fíxolle fronte á ditadura.

A avaricia dos seus amigos e a pretensión de pasar a todo o mundo a un sistema privado, levoulles a ir baleirando o peto das pensións, unha das bandeiras de Zapatero con preto de setenta mil millóns de euros, e que eles foron malgastando en cousas alleas. Así, tamén o intento de Montoro de enganar cunha rebaixa fiscal -que non afectaría máis que a un de cada nove pensionistas- evidencia que están fóra de xogo. Toca abrir un novo tempo político.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/pensions/20180228233528217996.html