Caput

O pleno municipal último amosa moi ben como está Ferrol, é toda unha desfeita. Se hai seis meses, ou incluso quince días, a cidade podía mirar con optimismo unha saída da parálise e cuns orzamentos aprobados polo conxunto da esquerda, hoxe -o certo- é que parece que seguimos a senda do “austericidio”, palabra tan usada polo activismo de novo cuño, para designar aos orzamentos tutelados e que, basicamente, xiran no pago á banca.

Dicir que co pago da débeda hai a posibilidade de mellorar o financiamento de novos investimentos no 2019 é, simplemente, o recoñecemento dun fracaso. Ben sexa por falta de persoal, de proxectos, por falta de xestión propia, bloqueo institucional ou todo xunto. En calquera caso, amosa que en todos estes anos non se fixeron os deberes. A redución do investimento, tamén significa menos servizos e, polo tanto, menos dereitos reais para a veciñanza, simplemente iso.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/caput/20181107233632241066.html