Un pacto por Ferrol

O debate sobre o proxecto de orzamentos do Estado, para o 2023 en Ferrol, ante a inminencia das próximas municipais de maio, está a resultar unha posta en escena por parte da oposición máis que previsible.

Pero, as cifras son as cifras. A proposta de orzamentos xerais de Pedro Sánchez (sen incluír as partidas para Navantia) é cinco veces superior aos de Rajoy. A maiores o Ministerio de Fomento é hoxe o principal inversor urbanístico na cidade, como mostra a remodelación das Pías.

Que dicir do líder local da dereita atrapado, polo seu medo a perder votos en favor de Vox, se sae do mantra ese de “que malos son os socialistas”. O que xa é de nota, é a acusación do Podemos estatal polo incremento do gasto militar ao PSOE, cando a principal beneficiaria é Navantia. No BNG, cun único deputado, pretenden xogar a facer oposición ao PSOE en Madrid, a pesar da perigosa alianza de Feijoo con Abascal e os seus ultras.

Evidentemente, Ferrol necesita máis investimento. Pero, somos consciente de ter unha cidade de só 60.000 habitantes? Un goberno local socialista en minoría, fagocitado pola suma nos plenos da “gran coalición” tripartita? Non sería moito mellor para a cidadanía un gran pacto por Ferrol? Un cre que si.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/pacto-ferrol-3932107

Espíderman

Non puiden quedar por outro compromiso á mesma hora, pero hai sete días Lúa Mosquetera presentaba “Espíderman” na Central Librera da rúa Dores de Ferrol. Unha novidade pola que aposta a Editorial Galaxia e cunha edición nun formato non convencional, na súa colección “Heterodoxos”.

Previamente si tiven ocasión, a finais de xullo, de asistir a unha das súas “postas en escena” na casa dela. É dicir, no Concello de Miño. Unha morea de xente que máis parecían asistir a un concerto de rap transgresor, feminista, coa forza desatada dunha mocidade que cuestiona a orde establecida. Unha íntima relación entre música e poesía. A palabra que cambia o mundo, que suma vontades.

Agora vén cun novo libro dando o salto desde a autoedición a publicar nunha das editoriais senlleiras do país. Síntoma de que ela ten un sitio na poesía actual galega, unha voz que vén a sumarse a todos os cambios que están a construír un novo tempo na nosa cultura, pero con evidentes lazos co pasado máis ou menos inmediato. É “a primeira memoria” dunha nova xeración que fai as cousas doutro xeito, pero como dicía Luz Pozo: “Vin a sombra, sen ollada, sen lámpada. Máis a luz vai comigo”. A súa tamén é unha voz de traspasa os muros.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/espiderman-3923435

https://www.instagram.com/mosquetera_/

Rueda

A todo hiperliderado sucédelle unha etapa de interinidade, e isto estalle a pasar ao actual presidente da Xunta, señor Rueda. Alimentando a aspirantes de preto e alleos, que están esperando que vaia a máis. Incluso cunha eventual saída de Feijoo da política estatal por causa do “fogo amigo” de Ayuso.

Así temos un presidente que non dá aberto unha nova etapa, con propostas como a baixada do imposto de patrimonio a eses poucos centos de galegos ricos, que non acaba de darlle un perfil propio. Nin sequera a reivindicación de apurar os tempos para unir o AVE de Vigo con Portugal vai darlle pulo, porque abriralle unha lea co PP de Madrid. Un eixo atlántico liderado por Lisboa e Vigo daría un novo equilibrio á península, con novo reparto de poder político e económico.

Neste panorama hai que entender a visita do presidente da Xunta ás grandes cidades, que concentran á maior parte da poboación. Para a dereita son territorio hostil. Síntese incómodo e prefire illarse nos edificios que a Xunta ten en cada lugar, en vez de ser recibido – con normalidade – por cada alcaldía. No caso de Ferrol, só falta que o señor Rueda repita o erro recente, do seu vicepresidente no Porto, de confundir institución e partido.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/rueda-3914645

As apariencias importan

A fachada marítima de Ferrol terá un cambio fundamental ante a nova intervención urbanística proxectada pola Xunta de Galicia e a Autoridade Portuaria, entre Curuxeiras e a Malata. Un investimento que supera os catro millóns e medio de euros. Primeiro, agradecer a estas administracións públicas que participen en mellorar as cousas, pero permítanme dicir que en política é tan importante ser como parecer.

Estamos a nos acostumar a que os partidos confunden os seus intereses, lexítimos si, pero, en moitos casos, cun uso inadecuado das institucións. Estaban presentes máximos representantes da administración autonómica e do porto, mais a cidade estaba “ausente”. Nestas intervencións tan importantes o lóxico, normal e protocolario é a presenza da beneficiada a través do seu máximo representante, é dicir, o alcalde.

Mais seguro que ningunha xunta electoral vai investigar se este acto institucional converteuse nun acto de partido pola exclusiva e preferente presenza dun precandidato municipal. Ningún político vai escusarse pola “aparencia partidaria”, nin oiremos aquelo do Emérito: “perdón, equivoqueime, non volverá a pasar”. Pero, xa dicían os madrileños ao paso de Fernando VII: “Viva El-Rei”.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/as-aparencias-importan-3905644

Comprender

Hai xa xeracións que creceron no dixital e a súa visión do mundo pasa a través dunha pantalla. Non digamos o que pode acabar sendo esa nova versión de vida ficticia do “Metaverso”. Agora os eixos da comunicación, non sei se “información”, son a imaxe e o son, fundamentalmente.

O asunto son as dúbidas que un ten cando escoita a esas xentes que están todo o día conectados ás redes. É evidente que hai unha fragmentación social, que hai quen desde tempo a súa información son cachiños sen relato propio e sen saber realmente cal é a procedencia. Así mesmo, observamos como moitos teñen grandes dificultades para ler e, moito máis, para comprender un texto escrito. De feito, escapan ao mínimo atranco.

O problema radica en que unha ausencia de capacidade na comprensión lectora facilita a manipulación das persoas. As embrutece intelectualmente e son pasto de absurdas teorías. Só aquelas persoas que manteñen hábitos de lectura son quen de avanzar de xeito racional.

Igual hai que facer un alto. Repensar o modelo social, sobre todo educativo. Garantir que todas as persoas teñan acceso a unha ferramenta tan básica como comprender o que un está a ler. A liberdade – en sentido amplo – está na nosa man.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/comprender-3896434