Un país chamado Trasalba

Hai poucos días o Ateneo Ferrolán estivo na xornada organizada pola súa federación, na Casa de Otero Pedrayo en Trasalba (Amoeiro – Ourense). Alí, o conxunto dos Ateneos de Galicia foron recibidos pola fundación, que é depositaria do seu legado e da propia casa grande de labranza que, durante moito tempo, foi parte do exilio interior ao que Don Ramón foi sometido, pola ditadura que acabou coa democracia española.

Hai que agradecer a presenza do presidente do Padroado Eduardo López, así como do alcalde de Amoeiro José Luís González e da banda de música deste concello. Unha xornada que, a maiores, contou coa participación da secretaria da fundación, Patricia Arias, que xa estivera nas xornadas do Ateneo Ferrolán, onde tratárase da especial relación de amizade de Otero e Castelao.

Así, tras estes eventos xa enunciados, xunto coa que se fixo no marco da feira do libro de Ferrol en abril, tras o verán a entidade ferrolá será escenario dunha nova xornada, que contará coa presenza de distintas autoridades e da propia fundación dun Don Ramón, co que necesitamos romper os estereotipos herdados de quen quixo que nunca a democracia, a cultura e un país chamado Galicia tiveran espazo nas nosas vidas.

https://www.fundacion-oteropedrayo.es/es

Ateneo: cultura e liberdade

A catro meses da morte do ditador, un grupo de cidadáns significados de Ferrol, decidiron darlle unha oportunidade á cultura local, procedendo á formación do Ateneo Ferrolán. É dicir, hai cincuenta anos, aínda baixo a normativa legal franquista, retomouse a tradición ateneísta, que se iniciara un século antes, en 1879.

Así, a acta redactada, por aquel entón “en El Ferrol del Caudillo” un 23 de marzo de 1976, abriu unha fiestra á liberdade cultural e de pensamento na nosa comarca. Nos primeiros tempos a súa actividade estaba seguida pola policía da brigada de información, que tomaba boa nota do que se falaba e quen, nos eventos do refundado Ateneo, conscientes de que a cultura non é un simple pasatempo, senón a base da transformación da sociedade. Estaban, aínda, en aquel intento de sobrevivir o réxime sen Franco e a dez meses da matanza dos avogados de Atocha, nun cruel intento de desbotar a democracia.

Pasaron moitas cousas nestas cinco décadas. Mais, hoxe esta entidade é unha das principais da comarca e do país. Quizais, o máis salientable sexa que – grazas ao esforzo colectivo da cidade e de Ferrolterra – en tres anos estaremos a celebrar o 150 aniversario do primeiro Ateneo Ferrolán.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-03-26/ateneo-cultura-e-liberdade-845181.html

Trasalba

Grazas á aprobación unánime do Parlamento galego, este novo ano será adicado a Ramón Otero Pedrayo, do mesmo xeito que o anterior foi o de Castelao. A principios do pasado novembro no Ateneo Ferrolán tivemos a ocasión, da man de Patricia Arias Chachero (secretaria da Fundación depositaria do legado de Don Ramón), de coñecer a estreita relación entre ambos os dous. Mantida incluso a pesar da guerra civil, que no século pasado, deu fin á democracia republicana española.

Numerosas entidades vanse sumar á homenaxe a Ramón Otero Pedrayo. O autor da Guía de Galicia, da tradución dos fragmentos de Ulises, o Don Ramón das Irmandades da Fala, da revista “Nós”,o defensor do federalismo no parlamento español, o promotor do Padroado Rosalía de Castro e da Editorial Galaxia… Aquel que encabezou a resistencia cultural galega contra a ditadura.

Estes días a Fundación Otero Pedrayo está buscando esas edicións que hai nas nosas casas, para celebrar os cen anos da súa “Guía de Galicia” de 1926. Fáganse un favor, miren nas súas bibliotecas, tiren un par de fotos de ese libro e achéguenas á Fundación. E xa saben, todo comezou en Trasalba. Así que esta é unha visita obrigada para a cidadanía da actual Galicia.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-01-08/trasalba-828891.html

O tren da esperanza

Este domingo Ferrol volveu a recuperar o seu espírito de desconformidade, negándose a deixar pasar máis tempo por unhas infraestruturas ferroviarias, que como todo territorio europeo merece neste século. O movemento cultural, veciñal – todo o movemento asociativo – foi quen de crear un Foro Cidadán polo Ferrocarril unitario, que logrou unha mobilización moi importante, reflectindo as inquedanzas das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

O primeiro éxito foi marcarlle a axenda a todas as formacións políticas e á propia Xunta de Galicia. Rachar con ese muro de silencio, que serviu a administracións estatais de toda cor política esquecer ao noroeste galego. Máis de aqueles que consideran que Galicia comeza e acaba na cidade herculina e en Punta Langosteira. Unha clara falta de visión atlántica, por ser incapaces de entender as sinerxías que as nosas comarcas suman ao país. A nosa vocación industrial é o noso mellor aval.

Mais, deberemos manter a alerta. Uns e outros quererán xogar cos prazos. Seguir a demorar débedas históricas, especialmente cando hai quen non quere que sumemos o noso potencial industrial e portuario, ou que reclamémonos como a saída natural da área económica da capital luguesa.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2025-12-03/o-tren-da-esperanza-822346.html

“Isaac”

Hai dez días houbo unha xornada no Ateneo Ferrolán sobre Isaac Díaz Pardo. Isto levoume a ler varios artigos del, publicados na revista “Atenea”, así como a revisar a súa intervención (de hai catro décadas) celebrando o traslado á actual sede desta entidade, cuxa gravación atópase a disposición do público nos fondos da súa biblioteca.

Isaac sempre tivo unha especial relación con Ferrol e coas súas diversas entidades culturais. Só hai que lembrar, que foi un dous de marzo do dous mil sete, cando nesta cidade fíxose unha homenaxe de toda Galicia, contando coa súa presencia. A pesar da súa aparencia fráxil, impoñía a súa determinación e o seu empuxe. Era herdeiro de toda unha xeira de persoas únicas, que durante os anos escuros da longa noite de pedra, decidiron ser luz dun país negado para a súa cidadanía. Seguramente, o derradeiro dos bos e xenerosos.

Isaac era cultura, empresa, compromiso, país. O abono para unha terra fértil. O referente ao que mirar cando un non sabe como continuar. Sigo a gardar un libro cunha dedicatoria súa, asinada a finais dun agosto do dous mil sete. Hai dez anos, houbo outras “Letras de Cambio” co mesmo título desta columna de hoxe. Non facía falta máis. Era Isaac.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2025-11-07/isaac-816605.html