Hai uns vinte días a Asemblea Xeral da ONU aprobou, coa abstención de España e de medio centenar de países (a maioría europeos), unha resolución contra os máis de catrocentos anos do tráfico transatlántico de escravos africanos. Arxentina, EEUU e Israel votaron en contra.
A resolución considera que a escravitude foi o primeiro réxime mundial que codificaba aos seres humanos e aos seus descendentes como propiedade hereditaria, vendible e perpetua, “convertendo a reprodución humana nun mecanismo de acumulación de capital” cun especial sufrimento das nenas e mulleres de orixe africana que eran sometidas, de xeito sistemático, á violencia sexual e reprodutiva, para xerar man de obra escrava.
Pola parte que nos toca, resulta rechamante a abstención do noso país, que por unha incomodidade evidente nin publicou unha nota oficial desta resolución. Seguramente, as implicacións e posibles reclamacións están na súa base. Mais, isto abonda na nosa falta de memoria histórica. A cidadanía descoñece que ata principios do século XIX era legal a escravitude en España. Incluso en Ferrol temos un capítulo da nosa historia sen pechar cun ilustre personaxe local, presuntamente vinculado á trata de escravos.
https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-04-16/escravitude-849448.html