Mio Cristo

“Lux” seguro que acabará sendo o álbum do ano en curso. Na miña opinión profana, este disco debe ser escoitado como unha obra unitaria, como quen escoita unha ópera en quince actos. A nivel popular, “La Perla” é o buque insignia que máis se escoita nas radios e nas redes sociais.

A quen subscribe esta columna “Mio Cristo Piange Diamanti” resúltalle a máis salientable. Non por razóns relixiosas ou espirituais. Como ateo confeso lonxe estou desoutra interpretación. Simplemente, “Mio Cristo” alimenta en min un certo síndrome de Stendhal. A cuestión da fe atribuída a “Lux” – e que reforza esta canción última – non deixa de ser unha sorte de xustiza poética, que volve a poñer en valor o papel das mulleres no desenvolvemento dos feitos sociais.

Foi Xesús quen puxo en xaque a misoxinia do xudaísmo tradicional igualando á muller co home e dándolle un papel central a María Madalena. Ela fará a unción en Betania, acompañarao na súa crucifixión a diferencia de Pedro que tres veces o negará. Será a ela a quen se lle apareza Xesús no abrente do primeiro día da semana, será a encargada de anunciar a súa resurrección (Marcos 16,9). Ao fondo, podería volver a soar Rosalía con aquelo de “fai tremare la terra”.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-04-02/mio-cristo-846727.html

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.