Zume de laranxa ou limón

De xeito amistoso e con moito humor, a política local e os seus protagonistas acaban de recibir os seus premios Laranxa (para os mellores) e Limóns (para os menos bos…). E posiblemente, as periodistas que seguen a política local – como case todas son mulleres, vou utilizar o xenérico femenino para nomealos a todos/as – están máis preto do que pensa a maioría da cidadanía. Así que parabéns para as mellores concelleiras e concelleiros. O resto, xa saben… a mellorar.

Pero, tamén é certo que non hai exercicio máis inútil que xogar a trasladar a que supostamente temos un goberno de malos malísimos, sen proxecto nin ambición. Quizais aínda algúns non saiban que precisamente son socios preferentes en Galicia dos socialistas. Quizais non saiban que, na práctica, nada hai fóra do goberno municipal, só a oposición do PP. O demais son fogos de artificio ou “sacarlle” o premio limón a Rey Varela. Feliz 2020.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/zume-de-laranxa-ou-limon/20191225214840271208.html

Migracións e violencias

Cando estaba a escribir – onte – este “Letras de Cambio”, o Concello de Ferrol daba a alerta, a través das súas redes sociais, polos ventos rachados, pero ben podería darse pola situación de vulnerabilidade na que está unha parte – cada día máis importante – da nosa poboación, refírome a esas persoas latinoamericanas, do Caribe e outros lares. Lamentablemente, hai quen non recoñece que todas as persoas teñen os mesmos dereitos e merecen o mesmo respecto: que non hai cidadáns de segunda.

Así son demasiado frecuentes situacións de persoas migrantes que traballan sen contratos ou vítimas de abusos de todo tipo. Por iso, resultan de vital importancia xornadas como as de “Migracións e Violencias” (nesta edición centradas nas empregadas do fogar) da concellaría de Benestar da Corporación ferrolá e da Asociación Mobilidade Humana, e máis cando hai quen fomenta o odio para romper a convivencia democrática.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/migracions-violencias/20191219010047270862.html

Comercio en Nadal

A cidade xa está en tempo de Nadal e parece que, por momentos, non sabemos nin a hora do día no que estamos. Máis se, preto, che coincide que vas ter vacacións no teu traballo. E iso fai que a xente en Ferrol aproveitara esta longa fin de semana da Constitución e que vaise, seguramente, a repetir de aquí á volta do día de Reis, para ocupar rúas, eventos e negocios de hostalaría, especialmente, na tableta de chocolate da Magdalena.

Resulta curioso ver que mentres a xente responde ás datas de Nadal, unha parte do comercio local teña as súas portas pechadas ao público, cando máis, porque hai determinadas asociacións súas que despois inciden moito no seu. Pero, non poderán dicir que nin a actual Corporación municipal, nin a xente non respondan. Pero si é certo aquelo que a concelleira de Promoción Económica, Mayte Deus, dicía nunha radio: o comercio local decide cando abre ou non. Evidentemente.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/comercio-en-nadal/20191211202954270309.html

A primeira milla

Este venres festivo e este sábado son os días escollidos, por Eduardo Hermida e o seu grupo de artistas, para unha interesante intervención en Ferrol Vello e que conta co apoio da Deputación, Concello, veciños, hostaleiros e do Grupo de Traballo a prol do Camiño Inglés.

Servirá para presentar en sociedade o logo do noso tramo do Camiño de Santiago, que suma elementos como a frecha amarela que indica a dirección a seguir polos peregrinos, como aqueles que fan referencia á Parrocheira e á Fábrica de Lápices. Este logo, ademais, é unha cesión gratuíta de Hermida á cidade de Ferrol.

Pero, tan importante como iso é precisamente encher Ferrol Vello deses lapis creados por estes artistas. Unha reivindicación da necesaria rehabilitación deste barrio portuario, inicio da primeira milla, necesitado de recuperar as súas rúas e edificios. Necesitado de recuperar poboación e ilusión por un mellor futuro.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/a-primeira-milla/20191204204403269772.html

Augas de Ferrol

Cando cruzamos a sentenza 62/2018 do Contencioso – Administrativo de Ferrol, que foi ratificada polo TSXG, coas declaracións dos actores políticos e sociais, vemos a existencia de dous relatos e só un vai adiante.

Así, fronte a idea do pago pola depuración, págase a taxa da auga polo arranque do sistema, tal como recolle a ordenanza propia no seu artigo 2. A sentenza reflicte o informe da Intervención Municipal que constata que a supresión da taxa afecta á estabilidade financeira do Concello de Ferrol. De aí a orde xudicial de pasar o cobro da mesma á cidadanía.

A orixe do problema está na recepción das obras, co convenio entre Rey Varela e Augas de Galicia en maio de 2014, e na entrada en vigor da súa ordenanza fiscal. Aquí debemos sumar unha espiral de erros que deberan traer algunha reflexión, porque – evidentemente – esta dúas sentenzas obrigan a non repetilos e a outra estratexia municipalista.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/augas-de-ferrol/20191127221616269330.html