Os libros son perigosos

Hai unha relación íntima e case mística entre a lectora ou lector cos seus libros. Unha comuñón que transforma o ser interior de cada persoa, xa que a lectura obriga a cada un a interiorizar e a desenvolver a nosa capacidade de pensar e de entendermos o mundo. Por iso, unha persoa que ten capacidade para ler, pensar e sentir alén dun mesmo, resulta un perigo para aqueles que buscan impoñer sociedades inmersas en longas noites de pedra.

Cando as sociedades están polarizadas a capacidade crítica, a voz discrepante é acosada e perseguida. Todo a prol do pensamento único. Por iso os libros son perseguidos, son a nosa memoria colectiva, a testemuña dunha sociedade libre que pode ser posible.

Agora que a memoria volve, que se está a escribir a verdadeira historia, non a de aqueles que por declararse en rebeldía contra a democracia e as liberdades cidadás crían que “todo estaba ben atado”, é o momento de lembrar que tamén os libros e as bibliotecas foron violentadas. Por poñer dous exemplos, aí están os nove mil libros do Centro de Cultura Obreira que foron queimados na praza de Amboage pola extrema dereita en 1936 ou o saqueo que sufriu – como moitas – a biblioteca de Castelao na súa casa natal.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-03-19/libros-son-perigosos-843655.html

Dostoievski en Ferrol

Pasar por Pessoa é o que ten. A case obriga de saír cun libro, por moi pequeno (en tamaño) que este poida parecer. Así chegou ás miñas mans outro de Fiodor Dostoievski con dous relatos: “Novela en nove cartas” e “O grande inquisidor”.

Teño, non sei até que punto lenda urbana, a idea da existencia dunha biblioteca itinerante, que a principios do século pasado, existía nos estaleiros de Ferrol. Dicíanme que grazas a iso, os traballadores do naval de entón coñecían aos escritores clásicos, tanto franceses como rusos. O certo que ben preto, chegando case a Amboage, tiña sede o Círculo Obreiro de Cultura con máis de nove mil volumes na súa biblioteca. Esta destruída inmediatamente polos integristas católicos e falanxistas en 1936.

Tamén, hai quen contoume que, nos tempos da ditadura, de xeito clandestino seguía a circular outra biblioteca no estaleiro da antiga Bazán. Si, as letras entraban con sangue, mais ao mesmo tempo sementaban ventos de liberdade e subversión.

Con estes vimbios son normais as achegas da cidade do mar á historia grande do país. A existencia dunha clase traballadora ilustrada e cunha forte aprendizaxe nos máis variados oficios, explican unha parte esencial do ser ferrolán.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/dostoievski-ferrol-4900965