Xente ao lonxe

Unha conversa recente co amigo e escritor Anxo Rajó, autor da biografía sobre Xela Arias publicada pola editorial Ir Indo (2021), sobre Eduardo Blanco-Amor levoume a facerme cun exemplar da novela deste último “Xente ao lonxe”. Unha segunda edición do ano 1976 de Galaxia, que vén ilustrada por Isaac Díaz Pardo. Pero, quizais o máis salientable sexa un amplo prólogo do propio autor, feito na Barcelona de 1970.

A estas alturas, resulta curioso ese especie de ensaio sobre a lingua e a literatura galega, as súas explicacións das variantes dialectais, que usa dese galego aprendido nos Bos Aires da emigración e moito antes da propia existencia dunhas normas ortográficas tal e como hoxe as entendemos e máis supervisadas por institucións hoxe recoñecidas tras a constitución de Galicia como comunidade autónoma. Pero, a pregunta é si realmente a nosa cultura segue estando tan precaria como hai catro décadas?

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/xente-ao-lonxe-3514717

A trincheira

Patronais do transporte xunto con outros sectores afectados, tanto pola suba especulativa dos carburantes como da enerxía e das materias primas, taponaron estes días a Trincheira e outras vías, colapsando a comarca e Ferrol. Viven situacións de angustia e abren contradicións sociais. Outra cousa é o oportunismo de quen os anima a aumentar a crispación, pero tamén esíxelle ao Goberno que use as Forzas Armadas contra estes colectivos.

Acertan os alcaldes da comarca que, encabezados por Ángel Mato, buscan unha vía de comunicación destas asociacións coa Xunta e o Goberno central. Mais, non valen parches temporais, hai que ir alén de baixadas de impostos ou subvencións. Senón os especuladores verán que aínda teñen marxe. Recoméndolles que tamén poñan no seu sitio as dereitas e ultras que no Congreso votan contra todas as medidas, porque para estas o prioritario é manter a hexemonía dos oligopolios.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/trincheira-3504845

As Pías

Hai obras que cambian radicalmente unha cidade e a proxectada para a reforma integral das Pías é unha destas. Tamén é certo que vén con varias décadas de atraso. Mágoa que as “cousas de palacio” vaian así. Mágoa que non viñera moito antes, houbéramos aforrado o desastre da praza de España, que só necesitaba mover “O Cabalo” e ter o aparcadoiro, hoxe existente, baixo o edificio da Xunta de Galicia.

Será unha obra que veremos rematada no novo mandato saído das eleccións municipais do 2023. Mais, é consecuencia directa dun compromiso decidido do alcalde Ángel Mato. Seguramente, un dos seus maiores empeños. Unha pegada que calquera quixera deixar e máis nunha cidade tan falta de autoestima. Seremos testemuñas dun novo Ferrol. Dun gran bulevar que conectará Caranza, Bertón, Ultramar, Telleiras, Esteiro e Recimil. Financiado a cargo dos fondos de recuperación Next Generation da Unión Europea.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/as-pias-3497103

Normalidade

Hai unhas enormes ganas de volver á “normalidade”. Está presente en cada conversa nosa ou nas que oímos en calquera café. Estes dous anos de pandemia deixa unha grande ferida na nosa economía e na nosa situación emocional.

Levamos meses con subas especulativas nas tarifas enerxéticas que para as clases traballadoras e media son imposibles, provocando unha inflación en todos os demais produtos. Á vez, Putin decidiu disputarlle a hexemonía aos EEUU e aos seus satélites, e sen ningún pudor, invadir e provocar unha catástrofe humanitaria en Ucraína.

Necesitamos unha intervención no sector eléctrico, pero tamén regular os disparates da banca e no propio funcionamento das Bolsas, hoxe a mercé dos grupos de presión. Até cando poden esperar as persoas e as empresas, a economía real, a unha decisión de Europa? Si, “Winter is coming”… pero, estamos na vida real e as persoas necesitan solucións xa.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/normalidade-3483200

10 de Marzo

Nuns días, en Ferrol e a súa comarca estaremos celebrando o cincuenta aniversario de aquel outro 10 de marzo, que tanta dor e feridas deixou. Pero, a pesar desta singularidade e da petición feita por quen estiveron en primeira liña, fronte as balas da represión franquista, non veremos unhas mobilizacións unitarias. Para outros era moito máis importante marcar diferenzas de grupiño e facer unha lectura separada.

Agora que tanto falamos de memoria histórica, de contribuír coa verdade dos feitos ao reforzo da democracia e do estado de benestar, deberíamos facer contas e saber se ter permitido lecturas sectarias, para alimentar un discurso de aqueles que nin estiveron nin se lles esperaba, valeu a pena. E todo por iso de escapar de situacións incómodas por dicir que a verdade histórica foi a que foi. Agochar os problemas e permitir lecturas interesadas só serviron para confundir as cousas.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/10-marzo-3475510