Un cacique en Dozón

 

A recesión provocada polas receitas da dereita está a degradar a vida, do conxunto da cidadanía, ata extremos non vistos pola maioría das actuais xeracións. Imos camiño dos anos máis escuros dun franquismo sen Franco.

Ademais, non teñen vergonza. A Cospedal e o seu goberno despois dunha suba do quince por cento, sácanlle os salarios aos deputados da oposición. Detrás deste discurso populista e fascista, escóndese a pretensión de deixar a política para os empresarios e a xente rica. Non vaia ser que outros sexan libres para propoñer políticas para a maioría da sociedade e non para banqueiros corruptos.

Así, volvemos ao casposo caciquismo que pretende controlar e humillar á xente. Unha vez rotos os dereitos e o noso minguado benestar, os cidadáns perdemos a nosa condición, para ser simplemente sufridos consumidores (se podemos). Mentres, a dereita dá esmolas a cen euros por neno para libros, como ese alcalde – empresario de Dozón. Antes, co Presidente Touriño, os libros de primaria eran gratis para todos.

Enlace a Diario de Ferrol.

Dique Flotante

Hoxe non quero falar das nosas festas. Nin dun programa sen imaxinación, cheo de improvisación e caos; da visión cutre que a dereita ten do ocio e da cultura. Nin da morea de xentes, que estes días ocupan as rúas ferrolás, necesitadas de esquecer a recesión e os recortes provocados irresponsablemente pola dereita.

Esgótase o tempo. Esta cidade naceu pola construción naval e non pode seguir esperando por aquela comisión do PP ou por un Feijóo desleixado que veña a revendernos o seu contrato (lixo) con Ferrol, nestas novas eleccións autonómicas.

Ferrol necesita o dique flotante, con prazos de execución e con asignación orzamentaria suficiente. Non é un entretemento, é unha ferramenta de traballo para asegurar o futuro e a competitividade. Defender o naval – e carga de traballo – non é cuestión de monocultivo. É defender a supervivencia da nosa cidade.

Enlace á columna “Letras de cambio” (Diario de Ferrol).

Terrazas en Rebeldía

Unha cousa é que haxa problemas e outra crealos. Tamén é certo que as políticas neoliberais de Angie Merkel e do seu delegado en España, Mariano, deixan á xente coa pel en carne viva. Por iso os políticos deben extremar as medidas para non “cabrear” máis ao persoal.

O goberno de Rey Varela xa non ten días de cortesía. Agora, toca gobernar e para todos. Por certo, non era a dereita partidaria dos emprendedores? Vaia racha leva o PP. Cando non son coas asociacións culturais, teñen leas con hostaleiros discriminados…

Pero, tan difícil é tratalos a todos por igual? Si, estamos en crise, pero a cidade tamén necesita un respiro. Os ferroláns necesitamos ocupar a nosa cidade, a ser posible nunha terraza, aínda que rebelde, e a ser posible cun pincho. Ou imos que ter que tomarnos a clara de limón en Irlanda? Alcalde, sentidiño, que estamos en verán!

Enlace – web do Diario de Ferrol.

Complicidades, hexemonía política e saída da crise

Unha das cuestións que afectan a todos os partidos de esquerdas establecidos, incluso ás novas formacións que están a nacer, é algo tan básico do cómo se relacionan coa sociedade, pero o certo é que uns por inmadurez ou incapacidade organizativa e outros porque as “obrigas institucionais” os consumen, carecen dunha relación directa cos cidadáns. Ningún ten capacidade de mobilización, fundamentalmente porque son incapaces de ilusionar aos seus propios militantes (que sería o vehículo natural primario), e pola outra, carecen de medio de comunicación algún con respaldo masivo. Quizais, deberan reflexionar sobre a historia da formación e do compromiso militante dos primeiros sindicatos, partidos socialdemócratas e socialistas. Eles levantáronse sobre estes piares.

Isto trae consigo, que fundamentalmente, relaciónanse coa sociedade a través do filtro dos medios de comunicación tradicionais, vinculados aos grupos financeiros e de presión que condicionan de xeito visceral o discurso político e desvirtúan as reivindicacións dos cidadáns comúns. Hai tamén que salientar que as redes sociais se ben están a axudar na mobilización, aínda están en cueiros simplemente porque non todos os cidadáns están na Rede. É dicir, a metade da xente común non ten acceso – ou un acceso axeitado – ben porque deben atender a sobrevivir no día ao día, ben porque segue a ser caro ou non forma parte aínda dos seus hábitos culturais e menos de información e conformación da realidade social.

Polo tanto, as esquerdas non lle están disputando á hexemonía á dereita nun eido tan importante como é a da comunicación e formación da opinión pública…

Ler artigo completo.