Xuntos

Fotografía vía Diario de Ferrol.

A xunta de voceiros de Ferrol está servindo para unir esforzos e chegar a acordos, que redundan en beneficio da cidadanía. Lonxe do ruído das altas esferas políticas, cada quen está a poñer o mellor do seu para facer xuntos este camiño nesta situación que, seguramente, proseguirá varios meses, aínda que o estado de alarma sexa anulado. Hai incertezas para o futuro próximo pero todas e todos xa temos asumido que isto aínda ten percorrido.

O área de benestar social, encabezada pola concelleira Eva Martínez, é agora a prioridade en Ferrol. Asistir á xente máis necesitada e a aquelas familias, que – van sumándose – nun incesante goteo, necesitan do arroupe de todos. Dar liquidez ás pequenas e medias empresas, así como aos autónomos, axilizando os pagos do Concello, son os eixos sobre os que traballan as catro forzas políticas que conforman a actual corporación, así como novas medidas que virán tomadas por consenso.

Do mesmo xeito que se fala dun plan de reconstrución económico e social do país, debería ser máis doado falar dun gran acordo, orzamentos incluídos, polo conxunto das vinte e cinco concelleiras e concelleiros de Ferrol. Claro que algúns deberán illarse dese ruído e desas consignas partidarias que buscan combater ao goberno Sánchez, en vez de ir contra os efectos na nosa saúde e na nosa economía do Covid-19.

Pero, en Ferrol – como en cada concello – as cousas son moito máis simples, é impensable non arrimar o ombro. Se unha cousa ten esta pandemia é que a temos tan cerca, que está a carón ou dentro da nosa propia casa. Non hai escusa. Seguro que o alcalde Ángel Mato está traballando por un gran acordo por Ferrol, hoxe non hai maior proxecto de cidade que saír e para ben desta situación, xuntos, sen deixar a ninguén atrás.

Publicado no Diario de Ferrol o 17 de xuño de 2020:

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/xuntos/20200617003603282879.html

Coronavirus

Nesta situación tan extraordinaria, a percepción da realidade é moi sesgada porque deriva directamente das circunstancias de cada quen, e aquí nin axudan as redes sociais nis as televisións, que móvense entre a versión oficial ou no tremendismo que busca – irresponsablemente – complicar aínda máis as cousas.

O certo é que hai realidades paralelas e contraditorias. Fronte ao “quédate na casa”, está a da industria privada que non para, aducindo que considera esencial seguir aberta para manter viva a economía. E, seguramente, aproveitarán as novas medidas do Goberno (agora que haberá fondos públicos), para querer impoñer regulacións de emprego sen ningún tipo de negociación nen melloras.

En medio, moitas traballadoras e traballadores co estrés de estar confinados ata a hora de marchar ao seu traballo diario, temendo ser infectados e que ademais, pola porta de atrás, veñan recortes ao seu nivel de vida.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/coronavirus/20200318200141277352.html

Os custes da electricidade

Onte, diante da Delegación do Goberno na Coruña, concentrábase o sector electrointensivo, que leva algúns anos con problemas estruturais, polo excesivo custe da electricidade, principal materia prima destas empresas.

Evidentemente, por moito que se espere que o recibo das tarifas – tanto para a industria como para os particulares – vaia a reducirse pola entrada masiva das novas enerxías renovables, o certo é que a xente non pode esperar a ver si iso vai ser así ou si o actual oligopolio eléctrico volverá ás andadas e farán o que queiran neste mercado refén que hoxe é España.

Hai empresas que xa adaptaron a súa produción aos custes eléctricos reducindo emprego. As “Alcoas”, e outras grandes industrias similares, necesitan un trato específico e que non dane os intereses do resto das empresas. En calquera caso, é necesario discutir que tamaño de sector público eléctrico queremos para este país.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/custes-da-electricidade/20200311215333276756.html

A causa das mulleres

Xosé Manuel Sarille foi profesor na FP de Barallobre, anos despois da reconversión naval. Para aqueles, que coincidimos con el naquel tempo, resultábanos un tipo peculiar. Sempre foi un heterodoxo e carecía do sectarismo militante de entón. Así que a ninguén estrañounos que fóra o artífice da asociación cultural máis grande de Galicia: a Mesa pola Normalización Lingüística, os seus libros ou toda esa xeira de artigos que foron e segue a publicar na prensa.

Agora vén de recoller nun libro artigos escritos ao longo de dous decenios. “A causa das mulleres”, que pretende ser unha contribución á abolición da prostitución. Pero, eses artigos teñen un valor engadido, vai trazando liñas desa nova masculinidade que ten que rachar co machismo e coa dominación do capital. Unha chamada aos homes para que tamén aceleren o paso. O vello mundo esmorece, e coma sempre a mazá mordida contén o coñecemento da liberdade.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/a-causa-das-mulleres/20200304200656276164.html

64.555.456,06

Non é ningunha fórmula matemática, nin tampouco é un número esotérico. É a suma do proxecto orzamentario, que da man da concelleira de Facenda Mayte Deus, xunto co resto do grupo socialista acaba de presentar o alcalde, Ángel Mato, ao conxunto da corporación municipal.

Diversas foron as primeiras respostas. O PP está no seu papel de oposición e alternativa, o BNG acerta coa súa suma inicial ao diálogo co actual goberno. Quizais, quen está un pouco fóra de xogo sexa Ferrol en Común, que pretende ser tratado como se fora parte do goberno e cando tras a investidura, quedaron á marxe do mesmo e nin sequera os seus votos – sumados aos do alcalde – dan para a maioría absoluta.

Ábrese a negociación. Séntense e cheguen a un acordo, Ferrol ben vale un pacto orzamentario. O propio Ángel Mato vén de dicir que era preferible un goberno en maioría. Hai unha oportunidade real para un acordo por Ferrol.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/64555-45606/20200226210317275637.html