Xuntos

Fotografía vía Diario de Ferrol.

A xunta de voceiros de Ferrol está servindo para unir esforzos e chegar a acordos, que redundan en beneficio da cidadanía. Lonxe do ruído das altas esferas políticas, cada quen está a poñer o mellor do seu para facer xuntos este camiño nesta situación que, seguramente, proseguirá varios meses, aínda que o estado de alarma sexa anulado. Hai incertezas para o futuro próximo pero todas e todos xa temos asumido que isto aínda ten percorrido.

O área de benestar social, encabezada pola concelleira Eva Martínez, é agora a prioridade en Ferrol. Asistir á xente máis necesitada e a aquelas familias, que – van sumándose – nun incesante goteo, necesitan do arroupe de todos. Dar liquidez ás pequenas e medias empresas, así como aos autónomos, axilizando os pagos do Concello, son os eixos sobre os que traballan as catro forzas políticas que conforman a actual corporación, así como novas medidas que virán tomadas por consenso.

Do mesmo xeito que se fala dun plan de reconstrución económico e social do país, debería ser máis doado falar dun gran acordo, orzamentos incluídos, polo conxunto das vinte e cinco concelleiras e concelleiros de Ferrol. Claro que algúns deberán illarse dese ruído e desas consignas partidarias que buscan combater ao goberno Sánchez, en vez de ir contra os efectos na nosa saúde e na nosa economía do Covid-19.

Pero, en Ferrol – como en cada concello – as cousas son moito máis simples, é impensable non arrimar o ombro. Se unha cousa ten esta pandemia é que a temos tan cerca, que está a carón ou dentro da nosa propia casa. Non hai escusa. Seguro que o alcalde Ángel Mato está traballando por un gran acordo por Ferrol, hoxe non hai maior proxecto de cidade que saír e para ben desta situación, xuntos, sen deixar a ninguén atrás.

Publicado no Diario de Ferrol o 17 de xuño de 2020:

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/xuntos/20200617003603282879.html

Somos comunidade

É evidente que a cidadanía foi asumindo a extraordinaria situación que provoca a pandemia do coronavirus. Pasados uns primeiros intres de desconcerto, o día a día está dentro da “normalidade”. Realmente, as incidencias – tanto en Ferrol como no resto de concellos da nosa comarca – son irrelevantes. Hai conciencia, e polo xeral mantense a corentena, agás nos casos de ter que ir ao traballo ou por unha necesidade perentoria.

É evidente que cando pase a situación de alarma haberá que facer autocrítica por tantos anos de recortes, de privatizacións e de fomento do individualismo máis vulgar, porque se por algo aguantamos é por poñer o comunitario por riba das cousas privadas. Como exemplos desto último, na nosa cidade, temos esa sobre carga de traballo que están a desenvolver a nosa sanidade pública (Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide), os servizos sociais de Ferrol, protección civil, as forzas de seguridade, servizos de limpeza, alimentación e un longo etc., que son os que garanten a continuidade da vida.

Mentres, en altas instancias políticas, mediáticas e empresariais, hai quen entrou en pánico e acaba de decretar bater a Pedro Sánchez. Non queren mirarse no seu propio espello, asumir as súas responsabilidade no deterioro do público por fomentar negocios privados, e non fan máis que entorpecer e propagar bulos.

Pero, agora toca pasar esta – a sen dúbida – a maior crise deste país desde a primeira metade do século pasado. Non somos soldados, pero si unha cidadanía responsable e solidaria coa súa sociedade e co seu tempo. Ánimo, vémonos nas xanelas ou neses supermercados convertidos nas novas prazas urbanas…