Ferrol industrial

O anuncio, da Xunta de Galicia, de poñer en marcha o Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial para Mandiá, de algo máis de millón e medio de metros cadrados debe ser saudado con interese. Indubidablemente, pero que máis?

O simple feito do anuncio, sen unha axeitada planificación, fomento económico e industrial, que segundo o artigo 30 do Estatuto galego é competencia exclusiva da Xunta, non é máis que iso. Vén con algún proxecto empresarial? Esta pregunta é axeitada porque, en toda a comarca, hai catorce parques industriais. E por proximidade, aí temos o caso do concello de Narón, cunha vocación industrial evidente e que, desde a crise do ano 2008, foi perdendo músculo empresarial.

Practicamente, leva corenta anos a mesma forza política gobernando Galicia. Mais, o certo é que é o goberno de Pedro Sánchez quen, apostando pola industrial naval militar, está a traer os grandes investimentos económicos a Ferrol.

A grande virtude desta actuación da Xunta en Mandiá vai ser o poder reducir, iso din, de dez anos a dezaoito meses a implantación de calquera proxecto empresarial. Ben, botando contas, algo máis – que este anuncio – debera haber na fronteira das vindeiras eleccións municipais.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-05-08/ferrol-industrial-854216.html

O novo Plan Ferrol?

Mentres o 10 de marzo a comarca participaba na mobilización a prol da industria local, o presidente Feijóo estaba en Madrid, pero para unha cousa diferente. Agora, vén cunha proposta que necesita concretarse, para saber que desta fala en serio.

Ninguén esquece que Feijóo leva doce anos á fronte da Xunta e con competencias exclusivas en materia de industria e promoción económica. Por iso, esa necesidade de saber de que estamos a falar realmente e, máis, cando chegarán recursos europeos para a recuperación vía goberno de España. Polo que sabemos, a proposta inicial é implementar o naval e os eólicos, pero necesitamos máis.

Fai ben Mato e os demais alcaldes tendo unha actitude propositiva e pedindo claridade. O certo é que o consorcio público privado “paralelo”, que acaba de montar a Xunta con determinadas empresas para “identificar” os proxectos para Galicia, tampouco é garantía de nada. Obras son amores.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2868699/novo-plan-ferrol