Novo ZP

Zapatero ten asegurada a estabilidade parlamentaria co PNV e CC, e retoma a iniciativa política cun novo Goberno. O Presidente tiña a alternativa dun apoio nas esquerdas parlamentarias, en coherencia co proxecto socialdemócrata.

É evidente que acusa as críticas da base social socialista á política neoliberal da Ministra Salgado, e o éxito da Folga Xeral do 29 de setembro. Se o novo Goberno de Zapatero non trae unha rectificación da reforma laboral, aínda que sexa á calada, e políticas económicas expansivas pódese repetir o acontecido en 1996, cando Solbes levou a Felipe González á derrota definitiva.

Hai unha lectura galega: Os Ministros José Blanco e Francisco Caamaño …

Ler máis

Dous artigos sobre o Decreto do Carbón en Galicia

Marcha Moura

O Decreto do Carbón visualiza as contradicións das forzas sociais galegas. Quizais, as que máis as da Xunta de Galicia. O PP galego, que con Núñez Feijóo fixo renuncia a gobernar este país – asumindo un discurso victimista e de autonegación, cunha práctica clientelista – escúdase nos intereses do Partido Socialista nas Autonomías beneficiadas, esquecendo que algunhas delas están gobernadas polos propios conservadores.

Ler artigo completo no Diario de Ferrol

O Feijóo, “Mouro”

O Camiño Mouro contra o Decreto do Carbón visualiza as nosas contradicións, incluídas as da Xunta de Galicia. O PP galego escúdase nos intereses do PSOE nas Autonomías beneficiadas, esquecendo que algunhas delas están gobernadas polos propios conservadores. O Presidente popular de Castela – León gañoulle así a partida a Núñez Feijóo; o PP estatal encabezado polo galego Mariano Rajoy non está en contra do Decreto do Carbón. A moción do BNG aprobada no Parlamento galego e as esixencias do socialista Pachi Vázquez ao Ministro de Industria, marcan as liñas a seguir.

As contradicións que se evidencian na defensa das reivindicacións dos traballadores das Pontes e Meirama, deberan ser un incentivo para o Presidente Feijóo. Debe sumar ao conxunto das forza sociais galegas, ser igual de esixente co seu propio partido no Parlamento español e poñerse á fronte do país.

Ler artigo completo no Galicia Hoxe

Cándido

Vén de celebrarse o Comité Provincial do PSdeG – PSOE coruñés. O traballo desenvolvido polos nosos alcaldes e polo partido permiten facer a previsión de repetir resultados nas municipais de maio de 2011, se ben deberase mobilizar especialmente a aqueles sectores que sofren a crise económica, maioritariamente votantes socialistas. Salvador F. Moreda explicitou o seu apoio aos alcaldes de Coruña, Santiago e Ferrol.

Tamén, dependemos dos nosos acertos. Son necesarias unha forte aposta por recuperar a xestión pública de servizos privatizados; a calidade do emprego nos Concellos; e renovacións de listas municipais integrando a persoas con claros perfís de esquerda e vinculados aos movementos sociais.

Produto dunha pluralidade interna que ten que ser posta en valor, a economía e a reforma laboral estiveron no corazón do debate. Fronte ao discurso oficial de recortes de dereitos e prestacións, outros reclamamos políticas económicas expansivas, progresividade fiscal e un xiro á esquerda.

Houbo tempo para facer chegar a esta asemblea socialista unha reclamación que xa ten dez anos por parte de votantes ferroláns de todos os partidos, e canalizada polo Comité Cidadán de Emerxencia. O traslado de Reganosa fóra da ría ferrolá.

Son consciente do grado de impacto da miña primeira afirmación neste comité, pero resume o que penso de cara á Folga Xeral do 29 de setembro: Cándido Méndez ten razón.

Enlace a Galicia Hoxe

Caixas

As Caixas de Aforro quebraron pola súa xestión privada. O Estado, é dicir, nós, fumos correndo para salvalas e agora, resulta que van a desaparecer igual. Os responsables da crise queren privatizalas e Zapatero cede. Un bo negocio a conta desta España que está de saldo.

En Galicia, fumos chamados polo noso Presidente in itinere Núñez Feijóo – candidato a suceder a Rajoy – ao exercicio dun patriotismo financeiro pailán, onde senón aplaudías eras un traidor ao país. Os alcaldes das cidades da Coruña e Vigo, enfrontados. Todos os partidos – incluídos todos os de esquerdas – son responsables desta venda de patrimonio público. Xogaron a repartirse o pastel e agora quedaron entrampados da súa dinámica neoliberal.

Onde queda a función social das Caixas, a súa aposta polas xentes e polo propio territorio? Para que a fusión entre Caixa Galicia e Caixanova se acabarán vendidas a un banco privado? Que instrumentos temos os cidadáns para exercer o noso dereito democrático a unha economía produtiva e sustentable?

Necesitamos banca pública. Nacionalizar as Caixas de Aforro. Son patrimonio común dos cidadáns. Hai que parar a voracidade dos tiburóns financeiros, que pretenden tutelar as nosas vidas.

Plan de Axuste. Reforma Laboral. Caixas. Xubilacións aos 70. Negocios lucrativos para os responsables da crise e reparto da miseria para a inmensa maioría. Non nos confundamos… é unha cuestión de democracia. Exercitémola.

(Ler artigo no Diario de Ferrol)

Militancia

Felipe González en 1993 dixo que entendera a mensaxe. Non foi así. Nomeou a Solbes Ministro, e pactou con CiU unha política plenamente neoliberal, sen concesións. Déficit cero e Pacto de Estabilidade. En 1996 os votantes socialistas máis á esquerda quedaron na casa. Aznar gobernou co apoio de CiU.

Nunha acción conxunta dos tiburóns financeiros e da dereita europea dobregaron a Zapatero e agora, escríbenlle o plan de axuste. Foron axudados polo sector neoliberal do PSOE, Felipe incluído.

Agora este último reclama militancia pura e dura. Leninismo neoliberal. Aínda que para si, Felipe sempre reclamou a heterodoxia socialista. Quizais, por aquelo que dicía Bensaïd: “A miúdo hai máis fidelidade política na infidelidade crítica”. Eu tamén reclamo a mesma heterodoxia.

O plan de axuste e a reforma laboral coloca ao PSOE onde quere o PP. Estamos abocados a afondar na crise coas medidas que queren os que a provocaron. Necesitamos un xiro á esquerda. Banca pública e nacionalización das empresas enerxéticas, participación dos traballadores na xestión das empresas, loita contra a fraude e por unha progresividade fiscal. Democracia económica.

Peche da Bolsa. As pequenas e medias empresas non se financian así, nin sequera as grandes, que acaban recorrendo á banca tradicional. A Bolsa só serve para especular, espoliar e atacar os dereitos dos cidadáns. Usura depredadora.

Militancia pura e dura, si. Pero, para defender á nosa base social, a democracia e o socialismo.

Enlace a Diario de Ferrol

Tamén aparecerá no número 28 da revista de “Razón Socialista” (a piques de saír do prelo).